Á procura do castelo pantasma que podería frear un parque eólico baixo sospeita

O Monte do Gato, na provincia da Coruña, vese ameazado por un proxecto eólico acusado de múltiples irregularidades. A redescuberta dun castelo 'perdido' podería pór fin á iniciativa, sempre e cando a Xunta dea o visto bo para seguir estudando o caso.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O achádego dun castelo ‘pantasma’ podería paralizar un parque eólico con sombras na súa tramitación e que, por riba, está proxectado sobre un espazo de especial importancia natural e histórica. Semella un guión de filme hollywoodiense pero é real, e está a acontecer en Galicia, no Monte do Gato, na provincia da Coruña. 

Monte do Gato, onde Greenalia e Galenergy proxectan seis parques eólicos. PLATAFORMA AIRE LIMPO NAS MARIÑAS DO MANDEO
Monte do Gato, onde Greenalia e Galenergy proxectan seis parques eólicos. PLATAFORMA AIRE LIMPO NAS MARIÑAS DO MANDEO

O Monte do Gato é un emprazamento elevado que, malia estar a máis de 20 quilómetros do mar, permite albiscar as liñas da Torre de Hércules nos días claros. Trátase, á parte, dun lugar con historia. Por el pasaron séculos de civilizacións, das que hoxe queda pegada na súa especial concentración de túmulos e mámoas. Toda unha necrópole megalítica que agora podería verse ameaza por un proxecto eólico que avanza co beneplácito da Xunta de Galicia e a súa regulación cada vez máis laxa.

Ou avanzaba. Porque o achádego dun restos compatibles con este castelo milenario ameaza con botar o freo a un proxecto sobre o que pende a pantasma da fragmentación irregular. Noutras palabras: que é sospeitoso de ter sido tramitado de forma ilegal para así eludir os controis que a normativa autonómica dispón para valorar o impacto ambiental da enerxía eólica. 

FRAGMENTAR PARA QUE DECIDA A XUNTA

Sobre o papel, no Monte no Gato hai seis parques eólicos en trámite de construción: Felga, Gato, Penas Boas, Feás, Fontella e Seselle. Porén, o caso encaixa coa denuncia que o ecoloxismo galego vén desenvolvendo nos últimos meses: que se trata dunha fragmentación artificial dun único proxecto para poder superar os trámites administrativos con maior facilidade.

A versión ecoloxista explícase como segue. Entre esta lexislatura e a anterior, a Xunta de Galicia deu pé a dúas normas desreguladoras no que ao impacto ambiental dos grandes proxectos industriais se refire. É dicir, máis manga ancha. Primeiro foi a Lei de Implantación Empresarial de 2017, alcumada ‘Lei de Depredación’, e que o pasado febreiro veu seguida pola Lei de Simplificación Administrativa, que, entre outras cuestións, reduce a avaliación ambiental de cinco meses a tan só un.

Esta facilidade que, aparentemente, dá a Xunta aos promotores eólicos é importante para entender o porqué desta suposta fragmentación. Estes proxectos adoitan medirse por megawatios (MW), que cuantifican canta enerxía poden chegar a producir. A cuestión está en que o impacto ambiental dos parques por riba dos 50MW é polo Goberno centran, mentres que o dos máis pequenos corresponde á Xunta e as súas consellerías.

NEGATIVA DO PP

O caso dos eólicos de Gato --presentados en paquetes de menos de 50MW-- xa foi denunciado días atrás pola plataforma Salvemos Cabanas, que cargou directamente contra esta suposta redución artificial do impacto ambiental. Como sinalan dende a asociación, cando os parques se presentan separados o máis probable é que os efectos ambientais estimados sexan menores que se se teñen en conta como unha única unidade. O pasado 30 de abril, BNG e PSdeG pediron ao PP no Parlamento Galego que impulsara unha avaliación conxunta dos proxectos de Gato para evitar un posible impacto non considerado ata o momento. O PP negouse.

A sombra que escurece os proxectos de Gato foi denunciada por primeira vez a finais do ano pasado por unha veciña da zona. Mónica Fernández-Aceytuno, bióloga e escritora, remitiu varias alegacións á Xunta de Galicia alertando da suposta ilegalidade desa presentación fragmentada e outras cuestións que, sostén, deberían levar a invalidar o proxecto: entre elas proxectar varios aeroxeradores sobre zona ‘núcleo’ da Reserva da Biosfera --“está prohibido”, asegura-- ou mesmo esquecer un BIC dos seus informes de impacto ambiental. 

A TORRE PANTASMA

Esta última baza, que ameaza con facer caer o proxecto de Gato, débenlla os veciños a Teodomiro, un monarca do antigo reino suevo de Galicia que, polo século VI, ordenou construír un castelo na zona. A construción perdurou nas escrituras, e así foi que, en 1994, a Xunta decidiu declaralo BIC sen saber sequera onde estaba exactamente. 

A Torre de Teodomiro, ese castelo pantasma pero protexido, podería poñer fin ao pesadelo que, dende hai meses, denuncian estar a sufrir os veciños de Gato. Ante a falta de información por parte do Estado --“soubemos pola prensa”, apunta Aceytuno--, a veciñanza de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós vén de tecer unha forte rede asociativa para organizarse contra esa ameaza eólica que podería desvalorizar as súas vivendas entre un 30% e 50%, segundo destacan dende plataformas como Aire Limpo nas Mariñas do Mandeo

O resultado son montañas e montañas de alegacións contra os sucesivos parques que se proxectan sobre a zona. A veciñanza recoñece que a mobilización chega tarde porque, ata hai pouco, non eran conscientes da magnitude dos plans de Greenalia e Galenergy, empresas promotoras. Segundo explican dende a asociación, os primeiros contactos con estas entidades resultaron na sinatura do contrato de claridade dubidosa. “Metéronnola dobrada”, apuntaba días atrás Esperanza González, veciña da zona.

VECIÑANZA ORGANIZADA

De acordo con Aire Limpo nas Mariñas do Mandeo, a comunidade de montes en mancomún tería asinado un acordo para instalar unha decena de muíños nunhas terras comunais a cambio duns 70.000€. “Pero en novembro descubrimos que non era así, senón que había seis parques eólicos..., bueno, ‘seis’”, remacha Azucena --da plataforma-- con retranca. 

Aínda que, segundo parece, os veciños están a conseguir rescindir os contratos, a oposición destes tres concellos á marcha dos eólicos é clara. Co período de alegacións esgotado, a principal esperanza dos veciños aséntase sobre os restos da Torre de Teodomiro, cuxa condición de BIC podería rematar cos proxectos ao obrigar a modificar unha parte central do conxunto eólico: a subestación que recollería a enerxía destas 40 torres.

"TAN PROTEXIDO COMO A CATEDRAL"

Como explica Mónica Fernández-Aceytuno, o castelo de Teodomiro conta coa maior protección patrimonial de Galicia, Ben de Interese Cultural --"ao mesmo nivel que a Catedral de Santiago, por exemplo"--; o que implicaría unha serie de limitacións que poderían pór en serias dificultades a continuidade do proxecto. Segundo apunta, esta consideración obrigaría a dispoñer un radio “de cautela” de 200 metros e, á parte, ter en conta a afectación visual; é dicir, que moi dificilmente podería contar cun muíño de vento ao carón ou detrás.

A descuberta deste castelo foi cousa da propia Fernández-Aceytuno, que deu con el tras pescudar documentación sobre os bens patrimonais do concello de Aranga. Entón chegou a sorpresa ao ver que os informes das eólicas non contemplaban en absoluto o ben, unha circunstancia que, segundo apunta, supoñería incumprir a regulación de impacto ambiental. “Presupoño boa fe, entendo que se despistaron, pero para que se vexa ata que punto temos que estar atentos os veciños”, explica.

A partir de aí, foi o arqueólogo Antón Malde o encargado de levar adiante o proxecto para localizar a Torre de Teodomiro. Malde, tamén veciño da zona, explica que leva uns 30 anos estudando a área do Monte do Gato. Porén, non foi ata hai semanas que deu con indicios “fortes” dunha estrutura compatible cun castelo. Trataríase dunha zona de acceso moi difícil pola espesa maleza e que agora, grazas a un estudo satelital novidoso, podería ser analizado de forma directa. 

TESOUROS AÍNDA POR DESCUBRIR

A decisión final corresponderá á Xunta. Malde explica que vén de desenvolver, nas últimas semanas, un longo informe para pedir permiso á administración de cara a esa análise sobre o terreo que aínda non sabe se se chegará a producir. De confirmarse a descuberta, explica, o máis probable é que as pretensións das empresas promotoras quedaran “condicionadas”. Greenalia xa apuntou semanas atrás que tentarán adaptar o proxecto ás limitacións que remate impoñendo Patrimonio. 

Xunto coa Torre de Teodomiro, o outro grande tesouro de Gato que agora loitan por protexer os veciños é a súa extensa listaxe de mámoas e demais túmulos funerarios. A concentración desta necrópole megalítica é tal que, en certos casos, abonda con dar un paseo para descubrir túmulos que ata entón estaban sen catalogar. 

Iso foi precisamente o que lle aconteceu a Fernández-Aceytuno, que detectou a presenza de dúas mámoas non inscritas no rexistro autonómico, e que logo técnicos de Patrimonio ampliaron cunha terceira. O monte, apunta a escritora e bióloga, segue a ser un lugar non estudado ao 100%, moi susceptible de contar con xoias aínda descoñecidas e que poderían perecer baixo a dinamita necesaria para instalar un aeroxerador. “Os túmulos de Monte do Gato”, conclúe Aceytuno, “son contemporáneos ás pirámides, a ninguén se lle ocorrería poñer uns eólicos nelas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta