Unanimidade no pleno de Santiago para declarar o parque Sionlla Biotech como proxecto de interese municipal

Sánchez Bugallo confía en que ao longo destas semanas Sionlla Biotech presente o proxecto de obras para a súa análise por parte dos servizos de urbanismo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2021 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Santiago sacou adiante por unanimidade dos grupos a declaración do parque biotecnolóxico promovido por Sionlla Biotech como proxecto de interese municipal, o que carrexa unha serie de facilidades para o seu desenvolvemento normativo e implantación.

A votación sobre este asunto, que contou co "si" das catro formacións políticas con representación na corporación compostelá (PSdeG, PP, Compostela Aberta e BNG), foi un dos primeiros puntos do pleno ordinario que este luns se celebra no Pazo de Raxoi, sede do concello santiagués.

A declaración como proxecto de interese municipal facilita a cesión da parcela, situada no polígono industrial da Sionlla, onde se prevé levantar este polo de investigación e desenvolvemento de iniciativas biotecnolóxicas promovido por entidades de capital privado.

Precisamente o carácter privado e con ánimo de lucro do proxecto, segundo asegurou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, durante o debate dunha proposición de Compostela Aberta sobre este asunto; dificultaba a materialización da iniciativa, que se remonta uns anos atrás.

Ante as críticas da oposición polos "atrasos" á hora de facilitar desde o goberno municipal a posta en marcha do polo biotecnolóxico, o rexedor incidiu en que a declaración como proxecto de interese municipal permite agora salvar a dificultade que presentaba o carácter de uso dotacional público da parcela, que chocaba co carácter privado do centro.

Con este paso, Bugallo mostrou a súa confianza en que "ao longo desta ou a próxima semana" Sionlla Biotech presente o proxecto de obras para a súa análise por parte dos servizos de urbanismo de cara á concesión da licenza para arrincar os traballos.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. CAPTURA
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. CAPTURA | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta