María Rivas, nova subdelegada do Goberno na Coruña tras a xubilación de Pilar López-Rioboo

O delegado do Goberno valora co presidente do TSXG e o fiscal superior "a boa resistencia" da xustiza galega á covid.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/06/2021 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nomea a funcionaria María Rivas nova subdelegada na Coruña, tras a xubilación de Pilar López-Rioboo, feito que se producirá de maneira efectiva o próximo 11 de xuño. Trátase, segundo Miñones, dunha substitución "natural" co que se dá continuidade ao traballo que vén facendo desde a Subdelegación, "pero cun novo impulso", segundo destaca a Delegación do Goberno.

María Rivas, nova subdelegada do Goberno na Coruña
María Rivas, nova subdelegada do Goberno na Coruña | Fonte: Delegación do Goberno.

Resalta, así, que "é unha muller nova a que toma a substitución doutra muller á fronte da Subdelegación".

Miñones valora "a capacidade de traballo, enerxía e compromiso" de María Rivas, funcionaria do Concello da Coruña, que nos tres últimos anos exerceu de xefa de gabinete do delegado do Goberno, polo que é "coñecedora da administración pública e do proxecto político do Goberno de España".

Anímalle a "aproveitar o traballo ben feito" por López-Rioboo e abordar un proxecto de "continuidade renovada" para que a Subdelegación "siga sendo o lugar de encontro, atención e servizo aos concellos da provincia", co fin de dar "a mellor resposta ás demandas e anhelos dos coruñeses".

Ao tempo, agradece o traballo da actual subdelegada, da que di que "canalizou os plans de Moncloa e atendeu as demandas dos alcaldes".

Con "compromiso especialmente nas políticas sociais e de igualdade", reivindica que "multiplicou por cinco o número de concellos adheridos" ao sistema de seguimento de casos de violencia de xénero do Ministerio do Interior, ao pasar de tres a 15.

María Rivas é licenciada en socioloxía pola Universidade da Coruña e funcionaria do Consistorio coruñés desde 2001, onde foi coordinadora de rexistros municipais e xefa do servizo de Alcaldía, entre outras responsabilidades. Desde xuño de 2018 asumiu a xefatura de gabinete do delegado do Goberno en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta