Feijóo acompañará a Felipe VI no I Congreso Xacobeo

Terá lugar este xoves no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/06/2021 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañará o xoves ao rei Felipe VI na apertura do I Congreso Xacobeo, que terá lugar no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela. Así o ratificaron fontes de Presidencia, que avanzan que, por tanto, a reunión semanal do Goberno galego será este mércores.

O rei Felipe VI (esquerda) recibe en audiencia o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a 15 de setembro de 2020
O rei Felipe VI (esquerda) recibe en audiencia o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a 15 de setembro de 2020 | Fonte: Casa Real.

Deste xeito, Feijóo asistirá xunto ao monarca a este evento organizado pola Academia Xacobea desde este xoves, 3 de xuño, ata o sábado, 5 de xuño, cando está prevista a clausura na Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón.

Durante os tres días que dura o congreso, que será tanto 'en liña' como presencial, participarán unhas 80 persoas entre autoridades e expertos universitarios procedentes de catro continentes.

A inauguración deste conclave fai que a reunión do Consello se teña que adiantar, de novo, un día. Isto xa ocorreu a semana pasada, xa que o xoves Feijóo mantivo senllos encontros co presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, e co primeiro ministro do país veciño, António Costa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta