Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 13/11/2013 | Actualizada ás 18:34
O proxecto máis ambicioso de Kepa Junkera. Así se define xa o novo traballo musical deste mestre vasco de música tradicional. 'Galiza', que sairá á venda o 26 de novembro, está editado polo selo galego Fol Música e nel acompañan a Junkera algúns dos mellores artistas e formacións a actual escena tradicional galega.
O lanzamento deste novo disco de Kepa Junkera considérase todo un acontecemento na escena da música tradicional da Península ibérica. E precisamente pola súa excepcionalidade, a nova obra do artista vasco será publicada nunha edición especial cun dobre álbum e un libro de 23 x 23 cm, de tapas duras, 50 páxinas con ilustracións, fotos e textos. O disco/libro será presentado en Galicia, Euskadi e Madrid. Os asistentes á feira Cultural, en Pontevedra, poderán escoitalo nunha actuación en directo o 30 de novembro.
Na lista de colaboradores atópanse Cristina Pato, Emilio e Daniel do Pando, Budiño, a Banda das Crechas, Leilía, Luar na Lubre, aCentral Folque, Davide Salvado, Treixadura, Susana Seivane, Radio Cos, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Os Cempés, Pandereteiros de O Fiadeiro, Sondeseu, Uxía, Manuel Pazos de Medexo e Ceo de Sil, Centro Galego de Barakaldo e Alberte San Martín.
En "Galiza" a trikitixa, o tradicional acordeón diatónico vasco, fóndese coas gaitas, as voces, os pandeiros, as arpas, os acordeóns... para crear un universo de música tradicional perfecto, fortalecendo o eixo musical Galicia-Euskalherria.
O propio Kepa Junkera explicou que este traballo é o froito de tres décadas de profesión nas que visitou de xeito habitual Galicia, "a de verdade, a física, a do mar, a da montaña, a da néboa... a emocional, a das apertas, a complicidade, a maxia...".
E neses "cruces de camiños", Junkera foi "asimilando ritmos, melodías, instrumentos, maneiras e sobre todo maxia, a dun lugar e as súas xentes que converteron un espazo físico nun dos recunchos máis fantásticos que xamáis coñecín", confesa Junkera.
Kepa Junkera, amante das tradicións que nos distinguen e unen como pobo, loa a lingua, cultura e música galegas coma propias:
"Galiza mora na esencia de todos os que gardan a súa alma, a súa lingua, a súa cultura, a súa música e os seus recordos. Así, eu xa podo dicir tamén dende hoxe que gardo Galiza no meu interior, alí onde por primeira vez as nosas músicas, ritmos e talentos se xuntaron para parir esta festa de sentimentos e emocións".
Velaquí o video promocional da grabación do novo traballo de Kepa Junkera, con música da Banda das Crechas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.