Acusan á Xunta e Endesa de "xogar co futuro" das Pontes: "nunca hai solucións concretas"

A coordinadora do persoal auxiliar convoca unha nova mobilización para este xoves dez na que pedirán "garantía de emprego".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2021 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

Nova mobilización pola continuidade dos postos de traballo na central térmica das pontes. A coordinadora do persoal das industrias auxiliares do complexo convocou unha manifestación para este xoves, 10 de xuño, co obxectivo de esixir unha transición enerxética “xusta”, circunstancia que para os representantes das auxiliares “ten que pasar por ofrecer garantías de emprego”. 

Endesa nas Pontes
Endesa nas Pontes | Fonte: Comité de empresa.

A marcha, que sairá ás 19:30 horas da Casa do Concello, chega tras máis de dous anos de mobilización que deron como resultado un compromiso de garantía de emprego por parte de Endesa que, apuntan os representantes dos traballadores dura ata o vindeiro o 30 de xuño. “Porén”, apuntan, “o recente cambio na tramitación administrativa da solicitude do peche da central prolongará os prazos cando menos até finais de ano, deixando na total incerteza a continuidade dos empregos”.

En calquera caso, os traballadores auxiliares das Pontes adiviñan un negro abismo máis alá da barreira dos próximos meses e acusan ás institutucións públicas e privadas de non resposta ás problemáticas. “Vemos como o Ministerio e a Xunta, co beneplácito de Endesa, xogan co noso futuro, enfrontándose os gobernos entre eles, buscando pasarse as responsabilidades, pero sen achegar nunca solucións concretas. Para estas administracións, o tempo é o de menos", denuncia a coordinadora.

FUTURO "INCERTO"

Ante esta falta de garantías e alternativas, "a partir deste 30 de xuño, esta localidade pode volver a perder nóminas, ou dito doutro xeito, ingresos económicos", advirten nun comunicado. De feito, xa está anunciado un ERE nunha compañía auxiliar e, no que afecta á empresa principal, tamén se reactivan os traslados fóra das Pontes. 

"Semella que o camiño que nos deixan é o paro ou a emigración; atrás quedan as consignas baleiras de "Transición Xusta" ou "non irnos deixar ninguén atrás", unha auténtica farsa". Fronte a isto, as centrais sindicais chaman a continuar na mobilización e instan a toda a  veciñanza a apoiar este loita que ten como obxectivo "a defensa do emprego e do futuro das Pontes. Está en xogo que As Pontes non se empobreza aínda máis. Quen anunciou unha transición xusta, que cumpra", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta