Galicia terá este mes unha normativa propia para a desescalada que incluirá a retirada progresiva de máscaras

Feijóo explica que poderá facerse unha retirada por "concellos ou grupos", e lembra que moitos están en "nova normalidade" sanitaria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/06/2021 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

Os membros do comité clínico recibiron o encargo de apontoar unha normativa "homoxénea e integral" para toda Galicia, unha reforma dos protocolos e medidas de actuación que anunciou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Nela, incluirase un protocolo de uso das máscaras, coa intención de relaxar restricións en exteriores.

Cativos con máscaras para protexerse contra a covid-19 na praia das Salseiras, a 3 de abril de 2021, no concello da Laracha, A Coruña
Cativos con máscaras para protexerse contra a covid-19 na praia das Salseiras, a 3 de abril de 2021, no concello da Laracha, A Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

A idea é contar con esta nova normativa canto antes, a poder ser a semana que vén para que entre en vigor o sábado 19 de xuño, pero se a súa "complexidade" o impide, así como as posibles decisións do consello interterritorial, como máximo está previsto que entre en vigor o 26 de xuño.

"Imos levar a cabo unha revisión integral para ter unha nova regulación completa e homoxénea que actualice todas as limitacións, unha nova regulación integral de todas as actividades: hostalaría, actividades culturais, actividades deportivas, e actividades reguladas con peche completo como poden ser os parques acuáticos", avanzou Feijóo.

Galicia permanece en estado de emerxencia sanitaria desde marzo de 2020, aínda que esta situación quedou sometida --por cuestións xurídicas-- ao feito de contar co estado de alarma declarado oficialmente apenas 24 horas despois e as sucesivas prórrogas e declaracións no último ano. Sen estado de alarma desde o 9 de maio, a emerxencia sanitaria segue vixente, como ratificou Feijóo, quen dixo que permanece nesta situación agás que os servizos xurídicos digan o contrario, algo que non sucedeu.

É máis, o mandatario autonómico puxo o acento, ao ser preguntado por esta cuestión, en que o virus "non está erradicado", senón ao contrario, segue habendo contaxios diarios. "Non temos a seguridade de que o virus estea erradicado, temos a seguridade de que non está erradicado", advertiu o presidente autonómico, para engadir que hai que "seguir xestionando a pandemia".

MÁSCARAS

Sobre o uso de máscaras, Feijóo sinalou que a postura de Galicia "é coñecida" desde hai semanas e lembrou que son favorables á retirada "progresiva" no exterior, en condicións de distancia de 1,5 metros e cando se trata de lugares "non concorridos".

Así mesmo, o presidente autonómico, que en días pasados ilustrou a súa postura argumentando que no rural de Galicia se dan condicións para levantar este uso na maior parte de ocasións, lembrou este mércores que "moitos concellos" están en "situación de nova normalidade" desde o punto de vista sanitario. "Normalidade dentro dunha epidemia", precisou.

Así as cousas, Feijóo indicou que o que se vai pedir no seo do Consello Interterritorial é que se "comece a concretar en que supostos e en que lugares" se pode retirar este elemento, pero advertiu de que lle corresponde ao Goberno central regulalo, xa que está recollido nunha normativa legal.

Con todo, Galicia elaborará un protocolo de uso da máscara, no marco desa normativa propia. "Por Galicia non vai quedar facer unha proposta solvente e desde o punto de vista sanitario. Imos empezar a regular xa cal é o protocolo de retirada de máscara", indicou, respecto do que engadiu que pode ser por concellos ou grupos de municipios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta