O BNG propón ampliar a Rede Natura a un 20% para frear a "rapina" das eléctricas

Insiste en que Feijóo "actúa como un comercial do lobby eléctrico"

Por Galicia Confidencial | Moaña | 10/06/2021 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou este xoves en Moaña que o seu partido levará ao Parlamento de Galicia unha proposta para ampliar a Rede Natura e acusou ao goberno do PP de actuar como un "comercial" do lobby das eléctricas. "Galicia leva doce anos sen ampliar a Rede Natura, e isto é unha decisión deliberada do goberno do PP porque moitos dos espazos que estaban nesa ampliación da Rede Natura están onde se queren instalar parques eólicos", dixo Pontón.

A líder dos nacionalistas afirmou que se trata de proxectos agresivos coa contorna natural e criticou que o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo no canto de defender o interese da sustentabilidade e o medio natural de Galicia estea a defender os intereses das grandes compañías eléctricas.

En consecuencia, o que o BNG proporá no Parlamento é incrementar do 12 por cento actual ao 20 por cento o territorio protexido, de modo que Galicia deixe de estar "na cola de todo o Estado" nesta materia.  Dese modo, asegurou Pontón, paralizaranse "moitos deses proxectos que non buscan un equilibrio ambiental, senón a rapina das eléctricas".

Segundo Pontón, "lamentablemente temos un Goberno que actúa como un comercial do lobby eléctrico no canto de estar a defender o interese xeral de Galicia". "Se algo reclaman as novas xeracións é que protexamos o seu futuro", dixo e, pechou a líder do BNG, "unha das claves é cambiar o modelo e que apostemos pola sustentabilidade".

Zona en Rede Natura
Zona en Rede Natura

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta