Por gcdeportes | Riveira | 19/11/2013 | Actualizada ás 16:57
Nestes tempos, coma noutros, en que os políticos gostan de saír na foto, Iago Morenza Pérez e Silvia Deira Barcala levan a sona no Barbanza. Foron os vencedores do primeiro Duatlón Popular Concello de Ribeira, e os seus nomes locen xa nunha placa posta na infraestrutura, e que ambos se encargaron de descubrir ao remate da proba, acompañados polo alcalde popular Manuel Ruiz Rivas. Foi a inauguración, tras varios meses de obras, da ampliación do paseo de Coroso, cunha inversión de 600.000 euros.
Cun tempo de 38 minutos e 48 segundos, Iago Morenza impúxose na categoría absoluta (2.320 metros a pé, 16.380 metros en bicicleta e outros 2.320 metros a pé) por diante de José Manuel González Rey e Sergio Olveira Boga. Na categoría feminina, Silvia Deira Barcala fixo un rexistro de 45’21’’. Acompañárona no podio Marga Villaverde Rosales e Sabela Pensado Parada.
A competición, na matinal do domingo, estivo organizada polo Concello de Ribeira, a ACD A Fieiteira e As Miñoteiras, coa colaboración das empresas Náutica A Poutada, SportBike e Fontao Travel, así como a Policía Local e Protección Civil nas labores organización. Ao rematar a proba, as autoridades cederon o protagonismo aos verdadeiros protagonistas. Iago Morenza e Silvia Deira locen no fermoso paseo marítimo de Coroso.
Con información do xornal colaborador certo.es
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.