As axudas do terceiro plan de rescate para autónomos e empresas poden pedirse ata o 14 de xullo

As contías oscilan entre un mínimo de 3.000 euros e un máximo de 30.000.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres as bases do terceiro plan de rescate, que prevé axudas directas para autónomos por valor de 234,4 millóns de euros de fondos estatais asignados a Galicia. Os interesados contarán desde o luns 14 ata o próximo 14 de xullo para cursar as súas solicitudes.

A orde da Xunta axústase ao marco xurídico das axudas regulado polo decreto gobernamental, sinala a través dun comunicado de prensa a Consellería de Emprego, que finalmente non introduciu nestas bases a cláusula de salvagarda do emprego, que vincula a percepción das axudas co mantemento dos postos de traballo e que si incorporaban os dous primeiros plans de rescate.

En relación co decreto do Goberno central, recrimina as "cargas burocráticas previstas", pero destaca que, "a pesar" diso, "Galicia aproveitou a marxe de manobra que se deixou ás comunidades que xestionan o diñeiro para simplificar o procedemento e ampliar as axudas a todos os sectores de actividade".

Pola súa banda, o vicepresidente económico, Francisco Conde, en declaracións aos medios de comunicación antes de participar nunha xornada organizada por APE Galicia, reivindicou esta orde como "un paso máis no apoio aos sectores que máis están a sufrir".

ADIANTOS

De acordo con estas bases, os solicitantes poderán recibir adiantos de ata o 100% da axuda que lles corresponda "só con presentar unha declaración responsable", resalta a consellería. Deberán acreditar nos tres meses seguintes que cumpren cos requisitos esixidos.

Emprego engade que ampliou ademais as axudas a todas as actividades económicas, sen limitar os pagos ás 95 previstas polo estado, sempre que se acrediten baixadas no negocio de polo menos o 40%.

O 85% dos fondos resérvanse ademais a autónomos, microempresas e pemes para apoiar a este colectivo que, segundo lembra, constitúe o 97% do tecido produtivo galego. Tal e como prevé a norma estatal que regula os pagos, estas axudas deberán destinarse a cubrir débedas pendentes de pago.

CONTÍAS POR PROGRAMA

Os 234,4 millóns de euros de orzamento divídense en tres programas: no primeiro destinaranse 150 ao apoio a autónomos e profesionais que tributen por módulos; no segundo 50 a autónomos individuais ou con ata 10 traballadores e empresas de ata 25 traballadores cun volume de facturación de ata 2 millóns e no terceiro 34 para autónomos e empresas con máis de 10 traballadores e un volume de facturación de máis de 2 millóns, así como a empresas de máis de 25 traballadores.

As contías oscilarán entre un mínimo de 3.000 euros e un máximo de 30.000. Así, os autónomos que tributan por módulos recibirán unha única axuda de 3.000 euros (primeiro programa). Os importes para o segundo programa irán dos 6.000 aos 11.000 euros segundo as escalas defacturación e o número de traballadores. Por último, o terceiro contempla axudas desde 10.000 ata 30.000 euros, tamén en función das perdas e do número de empregos.

Un grupo de persoas reúnese nun local de hostalaría da Coruña tras entrar en vigor as novas medidas. M. DYLAN - EUROPA PRESS
Un grupo de persoas reúnese nun local de hostalaría da Coruña tras entrar en vigor as novas medidas. M. DYLAN - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta