A Xunta rectifica na loita contra os incendios para adaptarse ás "condicións meteorolóxicas"

Medio Rural anuncia que adianta as gardas do persoal antiincendios. A nova coincide co estalido de diversos lumes no territorio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2021 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural decidiu adiantar a este mércores, 16 de xuño, as gardas do persoal antincendios polas "condicións meteorolóxicas actuais" e "as predicións a curto e medio prazo". Así figura nunha resolución remitida esta semana ás xefaturas provinciais de prevención de incendios e territoriais de Medio Rural, á que tivo acceso Europa Press.

O escrito, asinado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez, declara "o inicio do horario de alto risco" desde este mércores para o persoal laboral do servizo de prevención de incendios forestais. Igualmente, establécese o comezo de gardas para o persoal técnico dos servizos provinciais de prevención, distritos forestais e da Subdirección Xeral de Extinción. A nova coincide coa declaración de diversos lumes no territorio galego, entre eles dous nas provincias de Lugo e Ourense que suman xa máis de 40 hectáreas calcinadas.

Así mesmo, fíxase o arranque do período extraordinario a partir do día 16 para os axentes ambientais e os axentes forestais do servizo.

O PERÍODO DE ALTO RISCO COMEZA O 1 DE XULLO

Fontes da Consellería de Medio Rural explican a Europa Press que se mantén o 1 de xullo como data de inicio do período oficial de alto risco de incendios, aínda que darán comezo a próxima semana gardas pola evolución meteorolóxica. Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado venres publicaba unha disposición --asinada polo conselleiro de Medio Rural, José González-- pola que se declara época de perigo alto de incendios en 2021 do 1 de xullo ao 30 de setembro.

Segundo a predición de Meteogalicia para a próxima semana, a comunidade galega continuará coa influencia de altas presións coa circulación do vento do nordeste. Espéranse días asollados, aínda que hai probabilidade de treboadas en comarcas interiores, á vez que se agarda un lixeiro descenso de temperaturas desde o martes. Mentres, as queimas agrícolas e forestais de particulares continúan prohibidas en Galicia debido ás condicións meteorolóxicas existentes.

SEGUNDA QUINCENA DE XUÑO: HISTÓRICO DE NUMEROSOS LUMES

Segundo figura no plan de loita contra o lume da Xunta (Pladiga), xuño enmárcase na época de perigo medio de incendio, na que os medios de detección e extinción permanecen en alerta cun despregamento reducido. Con todo, calquera destes meses de risco medio pode pasar a "formar parte doutra época de perigo distinta cando as circunstancias así o requiran".

De feito, no Pladiga reflíctese que a finais do mes de xuño prodúcese un incremento "notable" da actividade incendiaria na serie histórica, do mesmo xeito que no resto do período estival. Na década de 2010 a 2019, as últimas semanas de xuño contan, de media, con preto dun centenar de lumes declarados en toda a comunidade galega cada ano, lonxe de cifras como as de agosto, pero por encima de semanas previas e mesmo dalgunha de xullo.

Un bombeiro das brigadas antiincendios da Xunta de Galicia traballa nos labores de extinción do incendio en Navia de Suarna (Lugo/Galicia/España) a 8 de agosto de 2020.. Carlos Castro - Europa Press / Europa Press
Un bombeiro das brigadas antiincendios da Xunta de Galicia traballa nos labores de extinción do incendio en Navia de Suarna (Lugo/Galicia/España) a 8 de agosto de 2020.. Carlos Castro - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta