Por X.M. Fernández | Allariz | 14/06/2021 | Actualizada ás 10:45
A programación de verán da Casa da Mocidade do Concello de Allariz arrincará o vindeiro 25 de xuño e alongarase ata finais do mes de setembro.
O propio 25 de xuño, día oficial do comezo das actividades, haberá xa un atractivo concerto ao aire libre a cargo da artista galega Pauliña.
Despois, ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro, moitas serán as posibilidades de lecer activo que se lle presentan á mocidade de Allariz. Dende rutas de sendeirismo, ata interesantes saídas como a que está programada ao Camiño dos Faros ou unha para ver as estrelas; pero tamén excursións a parques acuáticos, xogos nocturnos pola vila e obradoiros de gravación e de radio.
Na segunda quincena de setembro destaca un 'obradoiro astronómico' impartido por Dositeo Veiga --organizador de AstroGalicia-- co obxectivo de que a rapazada aprenda os conceptos básicos do ceo nocturno.
Asemade ponse en marcha un concurso de Tiktok en galego no que o Concello de Allariz aconsella estar atento ás redes da Mocidade para coñecer todos os detalles.
Iago Santás, concelleiro de Mocidade, confía en que as actividades sexan do interese dos mozos e mozas e que se animen a participar nesta programación de verán que tenta abarcar opcións para todos os gustos.
Para información e inscrición nas actividades facilitase o correo mocidade@allariz.gal, e o telefono 988 680 434 podendo tamén achegarse en persoa á Casa da Mocidade para facelo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.