José González confirma que os raios desta fin de semana provocaron varios incendios forestais

Medio Rural sinala que todo apunta a que se tratou do caso de Salvaterra, mentres que continúa investigando o de Folgoso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2021 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

Varios dos incendios forestais que afectan a Galicia foron provocados polas treboadas de raios rexistradas ao longo deste fin de semana. Así o confirmou o conselleiro de Medio Rural, José González, que apuntou as dificultades provocadas pola climatoloxía adversa no territorio.

"Este fin de semana foi complicado debido ás treboadas secas e aos raios", sinalou, ademais de destacar o caso particular dos lumes de Folgoso do Courel e Salvaterra de Miño que afectou tamén a outros municipios lindeiros, como Covelo e Mondariz.

"Ambos están xa controlados, cunha afectación dunhas 350 hectáreas no caso de Salvaterra e unhas 160 en Folgoso do Courel", engadiu. Desde a Consellería apuntaron, precisamente, a un raio como a causa probable do primeiro deles, mentres que o de Folgoso aínda se segue investigando.

O incendio da provincia lucense "desenvolveuse nunha zona de moi difícil acceso para os medios terrestres", polo que necesitou de abundante presenza aérea.

Por iso, quixo agradecer "ao Goberno central o envío case inmediato dos hidroavións" ademais de "pór en valor o traballo de todo o Servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia", con máis de 7.000 persoas despregadas no territorio".

CONCENTRACIÓN PARCELARIA

José González desprazouse este luns á parroquia ferrolá de Covas onde participou na entrega dos títulos de propiedade tras finalizarse a concentración parcelaria deste lugar, ademais de Esmelle, Marmancón e Mandía.

Un proceso que se iniciou fai catro décadas e que tivo que ir sorteando varias dificultades, sendo a última "unha lei estatal do ano 2015", censurou. "Esta é a décimo cuarta concentración que estamos a entregar, cun desenvolvemento moi longo no tempo, cunhas 2.000 hectáreas e supón a entrega de máis de 5.000 títulos a máis de 2.000 propietarios".

No global de Galicia, entregáronse xa 15.000 títulos a máis de 6.000 propietarios desde finais de 2020, polo que o conselleiro do ramo asegurou que están "a evolucionar" para lograr unha maior "regularidade".

"É un mecanismo moi importante de mobilización da terra agraria en Galicia, conxuntamente cos instrumentos que trae consigo a lei de recuperación da terra agraria, para pór en valor a terra e esa base territorial que nos demandan os nosos agricultores e gandeiros", resolveu

Un raio provoca un incendio nun monte de Ribeira. CONCELLO DE RIBEIRA
Un raio provoca un incendio nun monte de Ribeira. CONCELLO DE RIBEIRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta