Condenado un veciño de Ourense por mensaxes en internet que chamaban a "exterminar" xitanos

A pena é dun ano de prisión e unha multa de seis meses a tres euros diarios.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 15/06/2021 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

Un veciño de Ourense foi condenado a un ano de prisión e unha multa de seis meses a razón de tres euros diarios por verter mensaxes nun foro de internet que incitaban ao odio e a discriminación contra a comunidade xitana.

Expulsións de xitanos en Francia
Expulsións de xitanos en Francia | Fonte: clarin.com.

As partes chegaron este martes a un acordo de conformidade segundo o cal o acusado recoñece os feitos, constitutivos dun delito de odio contra a comunidade xitana.

O ano de cárcere será suspendido por dous anos e non o cumprirá se realiza un curso contra a discriminación e non comete ningún outro delito durante ese período.

O xuízo, celebrado este martes no Xulgado do Penal número 1 de Ourense, dirixíase contra M.A.S.L., un veciño desa localidade ao que se identificou como presunto autor dunha serie de mensaxes publicadas no foro de internet 'Burbuja.info' co pseudónimo 'Los Liadora'.

A Fundación Secretariado Xitano foi a entidade que identificou e denunciou ante a Policía Nacional e a Fiscalía, ao entender que as seis mensaxes "de odio extremo antixitano" publicadas en diversos fíos do mencionado foro constituían un delito tipificado no artigo 510.1 do Código Penal.

En concreto, o usuario referíase á comunidade xitana con descualificacións como "escoria" e facía un chamamento a "exterminar", "matar" ou "xenocidiar" estas persoas.

A avogada Yolanda Ferreiro, que levou o caso por parte da fundación, esperou que casos como este teñan consecuencias de modo que os foros, polo menos, adopten códigos de ética, xa que a responsabilidade civil subsidiaria nestes supostos é algo "difícil" de determinar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta