Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2021 | Actualizada ás 15:22
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, xustificou que o cambio de postura do seu grupo sobre a transferencia das competencias de Tráfico a Galicia se debe a que consideran que "non é prioritaria" nun momento no que, di, o Goberno central "impide o exercicio do autogoberno" da Comunidade galega, entre outras cuestións que sinalou Puy, por non efectivizar o traspaso doutras competencias "sobre as que hai acordos unánimes".
Os portavoces dos grupos na Cámara galega referíronse este martes ao cambio de parecer do PP sobre a lei para a transferencia das competencias de tráfico desde o Estado a Galicia, que coa súa abstención no pleno do 27 de abril os populares permitiron, por segunda vez nos últimos anos, que fose admitida a trámite.
A preguntas dos medios, o portavoz do PPdeG esgrimiu como motivos para este cambio de postura que, para o grupo que sustenta ao Goberno coa súa maioría absoluta, a transferencia destas competencias "non é prioritaria" e, ademais, "contribúe a abrir debates que tapan" outras reivindicacións como o traspaso da titularidade da AP-9, a xestión do dominio público marítimo terrestre ou a reforma da lei de saúde impugnada polo Goberno central.
"O PSOE impide o exercicio do autoberno", sentenciou Puy, que lembrou que existen "unha serie de transferencias" aprobadas "por unanimidade" para a súa remisión ás Cortes que están pendentes de concretarse.
Neste sentido, o portavoz popular acusou ao Goberno central de, ademais de "non transferir o prioritario", "non deixar xestionar o que está transferido" como a Lei galega de saúde e a súa reforma levada ante o Tribunal Constitucional ou a normativa de Dereito Civil de Galicia despois de que a Lei Antifraude que se atopa en tramitación no Senado inclúa unha modificación do marco galego para as herdanzas en vida.
Por todo isto, Pedro Puy xustifica que o seu grupo pase ao 'non' desde a abstención que permitiu a admisión a trámite da lei para a transferencia das competencias en tráfico, que implicaría o desenvolvemento da unha Policía Galega e que xerou críticas en asociacións da Garda Civil que chegaron a manter encontros tanto co PP como co PSOE.
"PP SUCUMBE A PRESIÓNS REACCIONARIAS"
Para o BNG, grupo impulsor da proposición lexislativa, o xiro do PP débese a que os populares "sucumben ás presións dos sectores máis reaccionarios e españolistas, que queren atacar o autogoberno e esta Cámara".
Son palabras da deputada nacionalista Olalla Rodil tamén nas roldas de prensa posteriores á xunta de portavoces, onde acusou ao PP de "non crer" no autogoberno "nin querer máis competencias". "É máis, entregaría se puidese as que ten Galicia", apostilou.
Rodil considera que "despois de doce anos sen mover nin un papel nin un dedo" para reclamar ante o Estado máis competencias agora "vaian tombar unha lei porque unha asociación de garda civís lles mandou parar", algo que, para o Bloque, constitúe "unha falta de respecto a Galicia".
Por iso, instou aos populares a "recapacitar" porque "o que necesita Galicia é fortalecer a súa capacidade de decisión". De feito, a próxima semana debaterase a admisión a trámite doutro proxecto lexislativo do BNG que, neste caso, demanda a transferencia das competencias en meteoroloxía, un asunto que xa levou á Cámara a formación frontista fai sete anos pero que non saíu adiante.
PSDEG: EMENDA RECOÑECEMENTO GARDA CIVIL
Pola súa banda, os socialistas afirmaron que a inclusión dunha emenda ao texto lexislativo que expuña recoñecer o dereito dos axentes da Garda Civil a ter prioridade nos postos da Policía Galega encargada de xestionar estas competencias atendeu a razóns "de pura lóxica".
A continuación, o viceportavoz do PSdeG Pablo Arangüena lamentou a postura do PP, que atribúe á "dinámica" dos "últimos anos" de "non lograr nin unha soa competencia para Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.