Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/11/2013 | Actualizada ás 20:00
Novagalicia Banco e Cooperativas Ourensanas, S.C.G. (Coren) alcanzaron un acordo de colaboración polo que as preto de 7.000 familias entre socios e empregados do grupo beneficiaranse dun catálogo de produtos deseñado especificamente para atender as súas necesidades financeiras.
Este acordo chega xusto no proceso aberto para a venda do banco e no que un dos criterios que poñen enriba da mesa tanto a Xunta como a propia dirección do banco é que se manteña a súa sede en Galicia e a súa vinculación co país.
Con este novo acordo, segundo informou o banco nun comunicado, os socios de Coren poderán contratar en condicións competitivas préstamos persoais, pólizas de crédito, leasing mobiliario, avais e desconto comercial, entre outros produtos. Novagalicia tamén pon a disposición dos cooperativistas préstamos persoais desde 3.000 euros con tarifas especiais para financiar o anticipo de subvencións ou o pago de impostos relacionados co seu negocio.
O acordo asinado entre Coren e Novagalicia permite, ademais, aos socios cooperativistas beneficiarse das vantaxes da Conta Soluciones de Novagalicia, un produto exclusivo para pemes e autónomos para o pago gratuíto de nóminas e gozar da exención das comisións básicas de conta. Ademais, Novagalicia ofrece a Coren a tramitación de operacións de financiamento a través das liñas vixentes de ICO e Igape destinadas a atender o financiamento de liquidez.
O presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, agradeceu o apoio que vén prestando a entidade ao grupo de cooperativas desde o ano 1988, cando Caixa Rural se integrou en Caixa Galicia. Engadiu que, grazas a este convenio, a estreita relación existente afiánzase na nova etapa.
O director xeral de Novagalicia, Juan Díaz Arnau, explicou que o acordo é unha mostra do “firme e decidido apoio do banco ao cooperativismo galego, a unha empresa fundamental e a un sector crave da economía galega”. “Apoiamos ao tecido produtivo galego con crédito e condicións financeiras ventaxosas e deseñadas para atender as necesidades concretas de cada colectivo, por exemplo o das cooperativas de Coren”, afirmou Juan Díaz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.