Por Galicia Confidencial | Lugo | 26/11/2013 | Actualizada ás 12:12
A xuíza que investiga a trama Pokemon comeza a revelar as súas cartas. No auto desvelado onte Pilar de Lara imputa a máis de 80 persoas, entre elas os alcaldes de Santiago, Lugo, O Carballiño e o ex-rexedor de Ourense.
O auto tamén divide a investigación en nove pezas. Isto abre a porta a que se vaia levantando o segredo de sumario por partes. O letrado do ex-alcalde de Ourense Francisco Rodríguez volveu a denunciar a "indefensión" do político por non coñecer os cargos que pesan contra el máis dun ano e medio despois da súa detención.
Ourense
O epicentro da investigación está na peza 2, que investiga ao Grupo Vendex. En Ourense a xuíza ve indicios de que retiraban multas, faseábanse facturas e facíanse agasallos a políticos e funcionarios a cambio de favores. Por iso están imputados o ex-alcalde Francisco Rodríguez (PSOE), a súa compañeira Mercedes Astorga, o ex concelleiro de Tráfico Fernando Varela (BNG) e o ex-xefe da Policía Local Abelardo Ulloa. O ex-alcalde e a súa ex-parella tamén están imputados por blanqueo de capitais.
Compostela
En Santiago de Compostela segue imputado a práctica totalidade do grupo de goberno. A novidade do auto é que a Xustiza ve indicios de financiamento ilegal dos conservadores e socialistas composteláns.
"Mediante a aportación de diñeiro por empresas adxudicatarias de obras e servizos" os conservadores financiarían o seu partido. A xuíza fala de "subornos" tamén a funcionarios para lograr as contratas. Entre as empresas presuntamente vencelladas a corrupción, ademais de Vendex/Sermasa, a maxistrada cita a Talleres La Campiña SL (venta de autobuses) e a GRS Arc Local (xestión de multas).
Na capital de Galicia tamén se investiga a "contratación de enchufagos por empresas concesionarias", suposto que tamén se investiga en Ourense. En Santiago a xuíza describe "irregularidades" sobre a Finca do Espiño e un suposto tráfico de influencias. Pola Pokemon en Santiago -coñecida co nome de "Operación Manga"- segue imputado o ex-alcalde Conde Roa por supostamente cobrar un suborno de Aquagest. Acompáñano como acusados o actual primeiro edil Ángel Currás e os concelleiros Albino Vázquez (xa dimitido), Rebeca Domínguez (sucesora de Currás en Educación, concellería na que se investiga enchufismo), Adrián Varela (concelleiro de Deportes) e o actual xefe de gabinete de Currás, Francisco Castro. Noutro xulgado tamén están imputado os concelleiros do PP , María Pardo, Amelia González, Juan de la Fuente Francisco Noya, Cecilia Sierra, Luis García Bello e María Castelao por aprobaren pagar a defensa de Adrián Varela con cartos públicos. En total, 11 dos 13 edís do PP están imputados en diversas causas pola Xustiza.
A presunta corrupción tamén salpica ao PSdeG compostelán. O ex-número dous do concello Bernardino Rama segue imputado. A xuíza sospeita que a Imprenta La Ibérica elaboraba facturas falsas canda outras compañías, como Aquagest, para facilitar o financiamento das campañas socialistas, o que podería crear os delitos de falsidade documental e delito electoral.
Lugo
En Lugo segue imputado o acalde José López Orozco (PSOE) por sete supostos delitos, entre eles presuntas irregularidades nos contratos a Vendex e a á empresa do guindastre Cechalva. A compañía de Asturias Cechalva é sospeitosa de pagarlle 2.000 euros ao mes ao primeiro edil e ao ex-concelleiro Francisco Fernández Liñares a cambio da contrata de retira de automóbiles. As relacións de Fernández Liñares (PSOE) con Vendex son o núcleo orixinal da investigación. Sobre o ex-responsábel da Confederación Hidrográfica Miño Sil penden até 10 imputacións, incluída blanqueo de capitais.
En dúas pezas diferentes está imputado o alcalde de Carballiño, Argimiro Marnotes, a quen Vendex lle fixo supostamente unha obra no seu chalé sen que o político a abonase. Marnotes deu marcha atrás no concurso da ORA que lle ía adxudicar a Vendex, pero non noutro concurso para o desbroce de camiños que gañou, de xeito presuntamente amañado, Forestación Curro, empresa dos empresarios José Daniel Blanco e Olga González.
En Ordes está imputada a tenente de alcalde Silva Marín (Unión por Ordes) por unha adxudicación a asturiana Cechalva. En Cospeito é o socialista Manuel Pico o imputado por unha contrata con Vendex.
A investigación non cristalizou en imputacións noutros municipios investigados, como Marín e Ortigueira.Con todo, no auto a xuíza advirte que as investigacións prosiguen.
A división en varias pezas do proceso é unha petición da ficalía para axilizalo. Trátase da maior investigación contra a corrupción nunca realizada pola Xustiza en Galicia. Xa demitiron dous alcaldes, o de Boqueixón (PP) e o de Ourense (PSdeG). O enorme número de imputados débese en boa medida á intervención de teléfonos durante moitos meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.