As condicións do mar trasladan ao "Sempre Güeto'" sete millas en dirección Ferrol

O obxectivo é poder unir o barco co remolcador a través dunha estacha e facer así remolque firme para o seu posterior traslado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2021 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

As malas condicións do mar trasladaron un sete millas ao  'Sempre Güeto' do lugar onde naufragou e acabou coa quilla ao sol, nas proximidades de Punta Candieira, en Cedeira, ata a zona de Punta Frouxeira, en Valdoviño.

Segundo explicaron fontes de Salvamento Marítimo, nas inmediacións atópase o remolcador 'SAR Gavia', pertencente a este organismo, e a lancha 'LS Langosteira', de Cruz Vermella, que "acompañan" ao buque na súa travesía sen goberno.

Ademais, detallaron que o obxectivo é poder unir o 'Sempre Güeto' co remolcador a través dunha estacha e facer así remolque firme para o seu posterior traslado, acción que non está programada para este venres, 18 de xuño, debido ás malas condicións na que se atopa o mar na zona. Está previsto realizar a operación de traslado, en principio ao porto de Ferrol, para este sábado, día 19.

A bordo do remolcador de Salvamento Marítimo permanecen técnicos da Base estratéxica deste departamento con sede no polígono industrial do Vilar do Colo, en Fene.

NAUFRAXIO

O naufraxio do cerqueiro 'Sempre Güeto', con base en Portosín, nas proximidades de Punta Candieira, en Cedeira, saldouse coa morte dous dos dez tripulantes que navegaban no buque.

O suceso produciuse sobre as 13,30 horas deste xoves, supostamente a consecuencia dun golpe de mar. Un dos mariñeiros fora rescatado con vida polo buque 'Sempre Urbegui' pero ferido de gravidade, sendo izado e trasladado ata a cidade da Coruña polo helicóptero 'Helimer 402', pero finalmente faleceu.

O outro se atopaba desaparecido, pero foi localizado sen vida sobre as 17,00 horas do xoves no mar por un dos barcos que participou nas tarefas de rescate e trasladado ata Cedeira.
Horas antes, foran rescatados outros oito tripulantes que viaxaban no buque sinistrado polo 'Argote 2', tamén con base no porto da comarca do Barbanza.

O 'Sempre Gúeto', tras naufragar en Cedeira. SALVAMENTO MARÍTIMO
O 'Sempre Gúeto', tras naufragar en Cedeira. SALVAMENTO MARÍTIMO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta