O PSOE tenta impedir a transferencia da titularidade da AP-9 á Xunta, contra o votado polo PSdeG no Parlamento galego

Os socialistas emendan o traspaso para que Galicia teña a administración desta autoestrada, pero non a súa propiedade. O BNG "non vai aceptar" unha transferencia "minguada e de segunda". Críticas tamén do PP.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2021 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O PSOE presentou no Congreso varias emendas á lei orgánica que transferirá á Xunta de Galicia a AP-9 (cuxo trámite foi desbloqueado esta mesma semana pola Mesa da Cámara), de modo que este traspaso soamente afectaría á "administración e explotación" e non á súa titularidade, que continuaría sendo estatal.

Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande
Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande | Fonte: Europa Press.

Así, de acordo coas emendas, o Grupo Socialista pretende que a Autoestrada do Atlántico siga pertencendo á Rede de Estradas do Estado, en contra do establecido no texto orixinal da lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia --tamén cos votos a favor do PSdeG-- e remitida ás Cortes.

En concreto, a modificación que propoñen os socialistas á normativa incide no artigo 1 para suprimir a transferencia da titularidade a Galicia, que só tería "competencias sobre a administración e explotación" desta vía.

Segundo a exposición de motivos da emenda, o PSOE advirte que a aprobación da lei de traspaso "podería comprometer" a aprobación no seo do Goberno central daquelas bonificacións ás peaxes da AP-9. E é que esta vía, a 1 de xaneiro de 2021, presentaba "a terceira tarifa media máis alta das autoestradas explotadas por empresas privadas" da rede española de estradas.

Para corrixir esta situación, o Executivo central --explica o Grupo Socialista-- "está a abordar a aplicación dun esquema de bonificacións da peaxe en todos os tramos da autoestrada sen precedentes en Galicia e en España", cunha partida duns 50 millóns de euros. Por iso, o PSOE ve "máis adecuado" que se expoña a transferencia "de determinadas competencias sobre a administración e a explotación" da infraestrutura "manténdose en principio, a titularidade por parte da Administración Xeral do Estado".

Ademais, pon o foco en que a Autoestrada do Atlántico cumpre "as características da Rede de estradas do Estado porque "conecta as áreas de influencia dos cinco portos de interese xeral do Estado en Galicia e as súas principais rías", porque une tamén "os tres aeroportos de interese xeral do Estado que existen en Galicia (Alvedro-A Coruña; Lavacolla-Santiago e Peinador-Vigo)" e porque exerce "como conexión con Portugal, a través da autovía A-55 no seu cinco últimos quilómetros e da ponte internacional de Tui".

As emendas do PSOE á lei orgánica tamén propón suprimir o seu artigo 2, que no texto orixinal fala daquelas funcións e servizos que pasarían a mans de Galicia. Para explicar este cambio, os socialistas alegan que os termos da transferencia se sustanciarán na Comisión Mixta Estado-Xunta e non ven necesario que estean recollidos na lei "por unha cuestión de simplicidade técnica".

Paralelo a todo iso, o Grupo Socialista tamén expón suprimir as disposicións adicionais segunda e terceira, así como modificar a primeira e engadir unha nova para así adaptar o contido da lei á intención de que só se transfira a xestión.

CABALLERO DEFENDE ESE POSICIONAMENTO

Preguntado respecto diso este sábado, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insistiu en que a "prioridade central" dos socialistas é conseguir "rebaixas históricas" no custo das infraestruturas e que as mesmas "duren ata o fin da concesión" en 2048.

Neste contexto, o dirixente galego asegurou que hai agora mesmo "unhas negociacións duras e tensas" entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a concesionaria --Audasa-- que hai que "priorizar" para que as rebaixas cheguen este verán.

Deste xeito, a pesar do sentido da emenda presentada polo Grupo Socialista no Congreso, Caballero comprometeu que o PSdeG "mantén a súa posición" de transferir a titularidade da AP-9 á Xunta "cando estea garantida a rebaixa das peaxes", un asunto no que non vai permitir "nada que debilite esa estratexia".

"Esta é a miña posición e trasladeilla ao partido e ao Ministerio", recalcou o secretario xeral, ao lembrar que precisamente o titular de Transportes, José Luís Ábalos. En calquera caso, Caballero insistiu en que as emendas a unha lei nunha comisión parlamentaria son só "o inicio para falar".

BNG 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou a "tomadura de pelo" da proposta do PSOE para manter a titularidade estatal da AP-9 e advertiu que a súa formación "non vai aceptar" unha transferencia "minguada e de segunda".

"Non imos aceptar este agravio, este trato discriminatorio para Galicia", reprochou Pontón, que lembrou a continuación da transferencia "plena" a Euskadi e Cataluña de autoestradas similares á AP-9, mentres no caso galego "todos son paus nas rodas".

"Tivemos paus nas rodas por parte dos Gobernos do PP e agora vemos a un Goberno socialista que quere facer unha transferencia a medias e que claramente significa unha tomadura de pelo para os galegos e as galegas", considerou Pontón.

Neste sentido, reclamou que a transferencia se faga "con plenitude" e insistiu en que Pedro Sánchez leva seis meses facendo esperar a Galicia para aplicar as rebaixas nas peaxes pactadas co BNG no acordo de investidura.

PPdeG

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en nome da Xunta, censurou que o PSOE tente "desactivar a transferencia" da AP-9 e "limitala" a un traspaso da responsabilidade de explotación, pero "sen ningunha capacidade de xestión".

"O Partido Socialista acaba de deixar claro que está en contra de que a AP-9 sexa unha autoestrada galega", advirte, por mor das emendas presentadas polo PSOE no Congreso para que a vía se manteña en mans da Administración Xeral do Estado.

O Goberno galego advirte que esta media "non é o que queren" os cidadáns de Galicia "nin é o obxectivo da Proposición de Lei" que chegou ao Congreso dos Deputados "co apoio unánime de todos os partidos do Parlamento" galego. "Os galegos queremos unha AP-9 plenamente galega, sobre a que decidamos desde o territorio", advirte a Xunta.

Neste sentido, lembrou as emendas presentadas polo PP para que a transferencia se realice acompañada dos recursos necesarios para manter as bonificacións das peaxes e as ampliacións da autoestrada.

Ao mesmo tempo, instou ao PSdeG a presionar sobre o seu partido "para que facilite a transferencia real" e esperou que o BNG "responda o interese xeral de Galicia e apoie tamén" as propostas dos populares para "blindar na lei" que esta medida se traduza nunha xestión "máis xusta" para os galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xoán Manuel.

O PSOE parece que lle está facendo anticipadamente a campaña ao BNG para calquera das próximas citas electorais.