Castelao, un líder de referencia para o nacionalismo vasco

Así o presenta o historiador quirogués, Xosé Estévez, na súa última obra: "A presenza de Castelao en Euskadi. Un líder carismático para os vascos".

Por X.M. Fernández | Rianxo | 25/06/2021 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

Xosé Estévez, 'Pepucho' para os amigos, reside en Euskadi, concretamente en Oiartzun, aínda que ten casa en Quiroga, vila onde viaxa cada certo tempo. Aproveitando unha destas visitas, trae debaixo do brazo un novo libro que vén de publicar coa Editorial Toxosoutos, "A presenza de Castelao en Euskadi. Un líder carismático para os vascos"

Portada do libro
Portada do libro | Fonte: XdL

Este venres, 25 de xuño, presentará a obra en Rianxo, concretamente no Centro Sociocultural-Auditorio desta vila ás 20:30 h. e o vindeiro 2 de xullo farao na súa Quiroga natal. A presentación na vila quiroguesa, organizada polo BNG de Quiroga, terá lugar na Casa da Cultura ás 20:00 h. e no acto participará tamén o historiador Uxío Breogán Diéguez. 

A OBRA

"A presenza de Castelao en Euskadi..." revela como unha figura carismática e creativa, irredutible na súa perspectiva política e ética, se converteu nun líder de referencia para os nacionalistas vascos. 

Dende o seu paso por Euskadi para viaxar por Europa, na primeira estadía en 1932, até o último paso, en 1933, para honrar a Árbore de Gernika, símbolo das liberdades vascas, Castelao sentiu unha fonda e sincera querenza por Euskal Herria.

Xosé Estévez Rodríguez. Foto cedida
Xosé Estévez Rodríguez. Foto cedida

Esa nación correspondeulle de maneira admirada e diversa. As obras do rianxeiro serían asemade traducidas ao éuscaro, contexto intelectual no que atoparían unha fértil recepción.

O AUTOR

Xosé Estévez Rodríguez naceu en Quiroga no ano 1943, diplomouse en Estudos Eclesiásticos (Lugo / 1967), licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid (Madrid / 1973) e doutorouse en Historia pola Universidade de Deusto en 1990. Ademais do seu labor como docente destaca como escritor, con varias obras publicadas e numerosos artigos en diferentes xornais e revistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta