Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 19/10/2025 | Actualizada ás 12:00
Naqueles contextos en que non temos moi claro como actuar ou que é o que imos facer, se alguén nos pregunta (ou ben nós mesmos nos preguntamos) “¿e agora (, que)”, unha resposta propiamente galega que se pode dar é, entre outras, a de (agora), papas na ola.
(Agora,) Papas na ola
(Agora,) Quitar a gorra e póla
{= Secuencias expresivas empregadas para responder ás preguntas “¿e agora?” ou “¿e agora, que?” cando non se ten moi claro o que se vai facer ou como se vai actuar (tamén, a xeito de interrogación retórica, pode ser o propio emisor o que formule a pregunta e dar el mesmo esta resposta). Así mesmo, tamén se pode usar para dar a entender que, na situación en que alguén se atopa, todas as opcións que ten son bastantes ruíns ou bastante complicadas.}
Ex.: —Pois xa ves, contabamos coa súa axuda e fallounos, así que estamos fodidos. Buff... ¿E agora, que? —(Pois) Agora, papas na ola ‡ Agora, quitar a gorra e póla.
Ex. (nunha partida de cartas, cando xa se fixeron varias bazadas e lle toca xogar a un dos participantes, que non ten nada claro cal é a carta que vai xogar, el mesmo pode dicir):—¿E agora? Papas na ola ‡ Quitar a gorra e póla.
● E mais tamén, asociada a contextos de uso máis populares, coloquiais ou familiares:
(Agora,) Papas na ola, e se a ola creba, papas na merda
● E inda tamén, en certos contextos igualmente moi populares, coloquiais ou familiares:
Agora, hostias && Agora, hostias en vinagre && Agora, merda
NOTAS:
1. Lembramos que, seguindo o criterio que vimos empregando nesta sección fraseolóxica, a paréntese en que está inserido o adverbio agora o que nos vén a indicar é un uso optativo do dito adverbio (ou sexa, que en ocasións se di canda a secuencia expresiva –ou, se se quere dicir doutro xeito, forma parte da secuencia expresiva– e noutras non).
2. A voz ola (que na secuencia expresiva que aquí nos ocupa remite á terceira das entradas do DRAG) pronúnciase con “o” pecho [o].
3. Obsérvese tamén, respecto da secuencia quitar a gorra e póla, que este póla non é o sinónimo de rama (na primeira acepción da segunda das entradas do DRAG), senón que se trata da amálgama do infinitivo pór + pronome persoal átono acusativo na súa forma feminina singular a (o cal implica que se pronuncia con “o” pechado, fronte ó que acontecería se fixese referencia ó póla substantivo).
4. As paremias galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Buján Otero, Patricia & Ferro Ruibal, Xesús & Paz Roca, Mª Carmen & Rodríguez Añón, Marta & Vidal Castiñeira, Ana: “Refraneiro do Seminario de Santiago (1947-1958)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 173-343. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- OUVIDO ALGURES: Conta de Instagram.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.