Quen non limpe o monte, paga: penalizacións de ata un 30 % menos de fondos aos concellos que non limpen as franxas forestais

Elimina a obrigación de contar cun permiso de Patrimonio Cultural para determinados traballos, por exemplo os manuais ou con rozadora.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 20/10/2025 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

A lei de medidas fiscais e administrativas é a vía pola que a Xunta regulará as novidades en varias normas (como as de prevención de incendios ou montes) co fin de tentar garantir a limpeza nas franxas secundarias próximas a vivendas e facilitar a execución destas tarefas en leiras nas que os seus propietarios non o fagan antes de maio.

Co transfondo da gran vaga de incendios deste verán, Rueda aproveitou a rolda de prensa en Celanova, onde este luns se reuniu o Concello, para analizar que na norma que acompaña ás contas de 2026 inclúese unha modificación co fin de promover que os concellos se adhiran ao convenio para a limpeza das franxas secundarias, baixo risco de ser penalizados nos recursos que reciben da Administración autonómica.

En concreto, aos municipios que non se adhiran a este convenio para a limpeza das franxas secundarias ou que se declare que incumpren as súas obrigacións reteráselles un 30 % do Fondo de Cooperación Local. A dotación deste fondo para 2026 supera os 187 millóns de euros. A disposición recolle que as cantidades retidas serán obxecto de entrega cando se formalice a adhesión ou se emende o incumprimento do compromiso.

Ademais, entre outras novidades, deberán destinar a prevención e protección contra incendios o 10 % dos seus ingresos. Así mesmo, elimínase a obrigación de contar cun permiso de Parimonio Cultural para os traballos de xestión do monte que se fagan manualmente ou con rozadora. En tarefas máis complexas, o informe sectorial substitúese por unha declaración responsable.

NON SÓ NOS TRABALLOS FORESTAIS

De feito, a modificación normativa da Xunta non se limita aos traballos no monte, senón que para as actuacións en bens con protección estrutural e ambiental xa non será preciso o permiso previo da Xunta, senón que as poderán autorizar os concellos cando concedan a licenza. Esta premisa tamén se aplicará para concellos de máis de 50.000 habitantes (as grandes cidades) polos que discorre o Camiño de Santiago, e nas que non afecten o trazado da Ruta, aos bens estruturais ou ás parcelas lindeiras.

Zonas calcinadas polo incendio de Pantón durante a realización de labores de extinción
Zonas calcinadas polo incendio de Pantón durante a realización de labores de extinción | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta