Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 21/10/2025 | Actualizada ás 12:00
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xustificou a negativa do Executivo autonómico a enviar os datos de cribados de cancro solicitados polo Goberno porque é unha información "pública" á que pode acceder "calquera cidadán". En declaracións aos medios, Rueda recoñeceu que lle resulta "curioso" que o Ministerio de Sanidade pida uns datos "polos que nunca se interesou" e para cuxo análises carece de sistema informático apropiado.
"Agora ten todo o interese por uns datos que, polo menos en Galicia, son públicos e publícanse para todo o mundo de forma regular (...). En todo caso, aos datos poden acceder como calquera cidadán", explicou, lembrando ademais que o Goberno central "non ten ningunha competencia" no que respecta a cribados. Ante isto, remarcou que continuarán facendo cribados, sendo "pioneiros" e ampliando a poboación obxectivo dos mesmos, ademais de continuar publicando os datos.
CARTA DE GÓMEZ CAAMAÑO A MÓNICA GARCÍA
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remitía este luns unha carta á ministra de Sanidade, Mónica García, na que informaba de que a Xunta non facilitaría os datos dos cribados de cancro de mama, colorrectal e cérvix ao considerar a petición "improcedente" e con fins "políticos máis que técnicos". Na misiva indicaba que os programas de cribado son competencia "exclusiva" das comunidades autónomas "e a súa implantación, seguimento e avaliación véñense realizando desde hai anos con plena autonomía, profesionalidade e éxito contrastado".
Pola contra, apunta, o Ministerio de Sanidade non dispón dunha rede propia de cribados, nin de sistemas de información actualizados ou indicadores de calidade asistencial que vaian máis aló dos meros datos de cobertura e participación. Tampouco existe, continúa, ningún documento oficial do Ministerio que regule o funcionamento ou a avaliación destes programas, máis aló do documento técnico de consenso elaborado no seo do Consello Interterritorial. A este respecto, e en liña co expresado por Rueda, considera "especialmente significativo" que o propio Ministerio aínda non concluíse o desenvolvemento do sistema informático necesario para a recollida e carga dos datos solicitados.
Por iso, afirma que resulta "improcedente" esixir a remisión da información solicitada, "ao non estar estabilizado o modelo nin garantida a súa homoxeneidade". "Non deixa de resultar rechamante que o Ministerio, sen completar o seu propio traballo nin validado tecnicamente os instrumentos necesarios, pretenda agora que as comunidades adianten o seu, con fins que parecen máis políticos que técnicos", defende. Nesta liña, sinala que desde a Xunta de Galicia non van contribuír a unha iniciativa que, "lonxe de mellorar os programas, parece respostar unicamente a unha estratexia de confrontación política e de distracción respecto das carencias de xestión do propio Ministerio".
O PSDEG ACUSA Á XUNTA DE "ESCONDER" OS DATOS DOS CRIBADOS
Ante isto, a portavoz de sanidade do grupo parlamentario socialista, Elena Espinosa, acusou á Xunta e a Alfonso Rueda de "esconder" os datos dos cribados e de "antepor os intereses partidistas ás necesidades da cidadanía". Espinosa lembrou que a petición do Goberno buscaba "avaliar" o funcionamento destes programas e "detectar posibles melloras" tras os erros detectados noutros territorios. "Con todo, a Xunta elixe o camiño da opacidade e da confrontación política, escudándose en supostas competencias exclusivas para evitar dar explicacións sobre un asunto que afecta directamente á saúde dos galegos", indicou.
Para a portavoz socialista é "inadmisible" que Rueda "utilice a sanidade pública como campo de batalla partidista". Nesta liña, remarcou que a transparencia e a cooperación institucional son "esenciais" para "garantir a calidade dos programas de detección precoz do cancro, que salvan miles de vidas cada ano". "Negarse a compartir información co Estado non é defender a Galicia, non é defender aos galegos; é defender o silencio fronte á responsabilidade", afirmou Espinosa. Espinosa insta a Rueda a explicar "que ten que esconder" e "por que se nega a colaborar nun asunto de saúde pública tan sensible". "Os galegos merecen saber que a súa administración traballa con rigor e transparencia, non seguindo ordes de partido para alimentar unha confrontación coa ministra de Sanidade", apuntou.
A MINISTRA ALEGRÍA CRITICA O "ESCURANTISMO" DAS CCAA COS CRIBADOS
Así mesmo, a ministra portavoz do Goberno, Pilar Alegría, criticou o "escurantismo" das comunidades autónomas que se negan a facilitar ao Ministerio de Sanidade os datos e reitera a petición de "absoluta transparencia" porque se trata da "saúde de moitas mulleres". "Que problema teñen as comunidades autónomas coa transparencia? --preguntábase a tamén ministra de Educación na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros--. Por que non queren dar eses datos? Seica é que non son datos bos ou non son datos positivos?". Neste sentido sinalou que ese "escurantismo" ou negación á hora de dar eses datos preocupa moito ao Executivo "porque estamos a falar da saúde de moitas mulleres, que teñen o dereito de coñecer e saber se as comunidades autónomas están a prestarlles ese servizo fundamental".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.