Menos fondos contra o cambio climático, máis nóminas políticas: así se reparten as contas nos orzamentos de 2026

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, percibirá en 2026 un salario total de 85.743 euros, un 0,5 % máis, mentres que o gasto en persoal eventual de gabinete do seu departamento supera os 1,3 millóns de euros. O departamento de Medio Ambiente reducirá a partida en case un 10 %.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/10/2025 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O orzamento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para o ano que vén baixa un 9,9 %, ata 167,7 millóns de euros, mentres que o de Economía e Industria redúcese nun 4,5 %, ata 357,6 millóns, coincidindo coa finalización dos fondos do mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR). Así figura no proxecto de lei de contas da comunidade autónoma para 2026, que este luns entregou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento e que soben en global un 2 %, ata os 14.240 millóns.

Por enriba desa cifra do 2 % de aumento increméntanse os recursos dunha consellería como Política Social, que ascende un 5,1 %, ata os 1.391 millóns de euros. Tamén por enriba, un 3,9 %, crecen os fondos da Consellería de Sanidade para o ano que vén, ata situar o total en 5.671,1 millóns de euros. Neste sentido, Facenda resalta que o orzamento destina 10.587 millóns a gasto social, 321 millóns máis que o deste ano, cunha subida que cifra no 3,1 %. "Sanidade e Educación concentran practicamente dúas terceiras partes de todos os recursos dos departamentos autonómicos", reivindicou o titular da consellería, Miguel Corgos.

Precisamente Educación crece, pero faino por baixo da media do proxecto de lei, un 1,4 %, ata 3.085 millóns de euros. Preguntado respecto diso, Corgos explicou que neste departamento hai un impacto "moi forte" das retribucións do persoal, isto é, os soldos dos profesores, e tamén sinalou que "contaba con moitos fondos do MRR para algúns investimentos". Os fondos deste mecanismo deben estar executados antes do próximo 31 de agosto e pasan de 488 millóns en 2025 a 150 millóns en 2026, segundo lembrou a consellería.

Os outros departamentos que destaca a Xunta pola súa evolución en positivo son Vivenda, Emprego, Cultura, Medio Rural e Mar. Non entanto, Emprego, Comercio e Emigración mantéñense case sen variación, cun 0,1 % máis, ao pasar de 497,5 millóns a 597,8 millóns. Pola súa banda, o orzamento sobe un 1 % en Vivenda, ata 518,3 millóns, aos que Facenda suma a inxección de capital, a maiores, de 40 millóns para a sociedade pública de vivenda. Cultura, Lingua e Xuventude rexistra unha alza do 2,3 % das súas contas, ata 150 millóns, e Mar repunta un 2,2 %, ata 225,7 millóns de euros. Fronte a isto, tamén por baixo da media soben os recursos de Medio Rural, nun ano que servirá para recuperar o territorio queimado na vaga de incendios deste agosto: a consellería conta cun 0,9 % máis de recursos, ata 707,4 millóns de euros. 

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na rolda de prensa
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na rolda de prensa | Fonte: XUNTA

Ao lado das baixadas atópanse outros departamentos como Facenda (-9,1 %, ata 228,6 millóns), os órganos superiores dependentes da Presidencia (-10,8 %, ata 154,9 millóns) e Presidencia, Xustiza e Deportes (-0,8 %, ata 584,8 millóns). Na súa comparecencia ante os xornalistas despois de entregar o proxecto de lei ao presidente do Parlamento, o conselleiro de Facenda sinalou que "Medio Ambiente crecería case un 8 % e Economía un 7 %" sen ter en conta os fondos europeos cuxa execución acaba no verán de 2026.

FINANCIAMENTO DOS CONCELLOS ELEVADO ATA OS 670 MILLÓNS, UN 4,5 % MÁIS

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacou que os orzamentos da Xunta para 2026 inclúen uns 670 millóns de euros para o financiamento dos concellos galegos, case 30 millóns máis --un 4,5 % máis-- que no exercicio anterior. Así o trasladou este luns en rolda de prensa tras facer entrega das contas autonómicas para o próximo ano ao Parlamento de Galicia, unha comparecencia na que destacou que "un ano máis" o Goberno galego "reafirma" o seu compromiso coas entidades locais.

Respecto diso, o titular de Facenda fixo fincapé na evolución do fondo de cooperación local, a partida incondicionada, ata os 187,3 millóns, 19 millóns mais que nas contas da Xunta para 2025. Corgos puxo en valor que se trate dun incremento dun 12 %, moi superior ao 2 % de incremento xeral das contas autonómicas en comparación coa dotación de 2025. Ademais, dixo que se trata de "practicamente un incremento do 20 % nos dous primeiros anos da lexislatura".

TRANSFERENCIAS E TERRITORIALIZACIÓN

O conselleiro debullou, ademais, que a Xunta achega vía trasferencias condicionadas máis recursos aos concellos para que atendan diferentes necesidades dos cidadáns. Neste punto, citou as axudas para a limpeza de franxas, a compensación do canon de Sogama, as partidas polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a dinamización do emprego, as subvencións para actuacións en redes de abastecemento, fomento da ecoefiencia na xestión de residuos ou axudas en materia de abastecemento e saneamento para colaborar coa eficiencia na xestión do ciclo da auga. Así mesmo, explicou que se reserva un fondo de 59 millóns para blindar o financiamento da futura Lei de Administración Local.

En canto á distribución territorializada dos fondos, as provincias que recibirán un maior volume de gasto serán A Coruña e Pontevedra, con 5.507 millóns e 4.083 millóns, respectivamente. A provincia de Lugo recibirá 1.867 millóns e a de Ourense 1.733 millóns. O conselleiro de Facenda tamén debullou o gasto da Xunta por provincias para soster que "unha Galicia con futuro é unha Galicia cun territorio máis cohesionado e con máis oportunidades", polo que dixo que se se calcula o investimento per cápita do orzamento, obsérvase como o Goberno galego "reequilibra o esforzo entre os diferentes territorios".

Deste xeito, as provincias con maior gasto por habitante en 2026 seguirán sendo as de Lugo --onde a Xunta destinará 5.754 euros por habitante-- e Ourense --con 5.699 euros por habitante--. E, en canto as provincias atlánticas: A Coruña recibirá 4.873 euros por habitante e, para Pontevedra destinaranse 4.308 euros por habitante.

SOBEN OS SOLDOS DOS CONSELLEIROS E DO PRESIDENTE

Así mesmo, o soldo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o dos conselleiros e demais altos cargos, así como o do persoal eventual de gabinete, conta cun incremento do 0,5 % no proxecto de lei de orzamentos para 2026, á espera de que o Goberno central autorice, se o fai, novos aumentos nas retribucións dos empregados públicos. Así as cousas, o titular do Goberno galego percibirá en 2026 un total de 85.743 euros, un 0,5 % máis, mentres que o gasto en persoal eventual de gabinete do seu departamento supera os 1,3 millóns de euros.

Preguntado respecto diso, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, lembrou que os membros do Executivo e o persoal de gabinete "sempre" reciben o mesmo tratamento nas súas retribucións que o que corresponde ao soldo dos funcionarios. "Por tanto, inicialmente non varía" e o que figura é o soldo "consolidado" posto que "este ano non se autorizou ningún incremento retributivo", que si se aplicará "cando se autorice" polo Goberno central. En calquera caso, o conselleiro precisou, a continuación, que "quizá exista" unha alza do 0,5 % correspondente a acordos retributivos que estaban pendentes de entrar en vigor, e que se aplica a todos os funcionarios, "tamén ao dos altos cargos e ás bolsas de gabinete".

NON VOLVE DEFLACTAR

Por outra banda, a cuestións dos xornalistas, o titular de Facenda sinalou que a Xunta non volve este ano deflactar o índice de prezos de consumo (IPC) no tramo autonómico do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), aínda que mantén o impulsado en 2023. "Este ano non imos volver facelo. Mantemos o de ata agora", apuntou.

En canto aos salarios públicos, reiterou a competencia do Goberno central, e cuestionou que adoptase acordos a pesar de "poder facelo por decreto lei". "Esperamos que dalgunha forma actualizar e --os orzamentos galegos-- están preparados para recoller esa actualización", destacou. A maiores, respondeu ás críticas da oposición sobre os orzamentos con que se iso é "todo o que teñen que dicir quere dicir que os orzamentos están bastante ben confeccionados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta