Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2025 | Actualizada ás 14:28
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este martes a liña política do seu Executivo de profundar nas rebaixas fiscais co argumento de que "crea máis riqueza", á vez que celebrou que o Goberno central "rectifique" a súa postura en relación ás cotas dos autónomos. Así o trasladou, en declaracións aos medios na Cidade da Cultura, onde participou, xunto a outros dirixentes autonómicos, na reunión da delegación española do Comité Europeo das Rexións, que abordou unha postura común ante o 'Marco Financeiro Plurianual 2028-2034'.
Preguntado sobre os 793 millóns de ingresos en 2026 aos que renuncia a Xunta por rebaixas fiscais e se non resulta incoherente profundar nesta vía mentres se pide máis financiamento ao Estado, Rueda rexeitouno e esgrimiu que a Xunta demanda "financiamento que procede da recadación de tributos que na súa inmensa maioría se producen" en Galicia. "É compatible. Son ingresos que se están producindo e xa o dixemos noutras ocasións: oxalá rendese o exemplo nalgúns tributos estatais porque baixar impostos crea máis riqueza", esgrimiu o presidente galego, quen incidiu que, aínda que a Xunta podería propor "moitas máis" rebaixas "sempre" optou por actuar de forma "moi responsable" nesta materia.
Non en balde, argumentou que cando se anuncia unha rebaixa de impostos, "hai que mantela nos anos seguintes", o que "impacta cada ano", polo que cando se quere proceder a efectuar unha nova é preciso "pensalo moi ben" e teñen que ser pasos encamiñados a "seguir dinamizando a economía e que se mova máis" "Está demostrado que hai rebaixas que impactan positivamente mesmo en que aumenta a recadación porque fan que haxa máis dinamismo económico", esgrimiu, antes de incidir que, se non, deben impulsarse deducións fiscais para "axudar aos colectivos que o necesitan especialmente". "As rebaixas que propomos para 2026 van nesa liña", dixo.
"Dicir que non temos dereito a pedir nada porque estamos a baixar impostos é para devolver a quen o di manifestando que estamos a pedir exactamente o que se está recadando aquí e que estariamos absolutamente dispostos a falar se se nos preguntase de que rebaixas de impostos estatais tería un efecto beneficioso para Galicia mesmo para aumentar a recadación", agregou. Con todo, concluíu que o Goberno autonómico é consciente de que está ante un Goberno central que "non baixa un só imposto e que aumenta a presión fiscal". "Menos mal que agora rectificaron cos autónomos e déronse conta de que esa subida sen diálogo, intempestiva que propuñan, ía impactar moi negativamente en persoas que moven a economía. Ás veces rectifican e apostan", contrapuxo.
AUMENTO "MOI SUPERIOR" DA PARTIDA DA CAPITALIDADE
Sobre as queixas da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ante os 3 millóns pola partida de capitalidade que reservan os Orzamentos autonómicos, Rueda replicou que a porcentaxe de incremento "aumenta bastante por enriba" do crecemento dos orzamentos da Xunta para 2026. "Sempre se pode pedir máis, pero eu pediríalle un respecto polo esforzo que están a facer todos os galegos e os veciños de Santiago", manifestou o presidente, quen tamén incidiu en que o aumento desa partida é "significativo" e "moi superior ao doutras partidas", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.