De 'Kawanda' a Abanca: o banco pode quedar coa nave de 'Animal' tras a investigación da UDEF ao antigo 'El Correo Gallego'

O inmoble escenario da serie ‘Animal’ de Luis Zahera, éxito de Netflix, está hoxe no centro dunha investigación da UDEF por presunto desvío de fondos vinculados ao exadministrador de 'El Correo Gallego', José Manuel Rey Novoa. A produtora pagou máis de 44.000 euros polo alugueiro da nave, e, presuntamente, parte deses cartos acabaron desviados a empresas controladas por el. Agora, Abanca é a nova propietaria do edificio, e Netflix tería que negociar coa entidade se quixese rodar unha segunda tempada.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 20/10/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A historia da nave de El Correo Gallego, na rúa Polonia 10 de Santiago, é hoxe unha crónica onde se cruzan cultura, negocio e investigación xudicial. O inmoble, que serviu como escenario principal da serie 'Animal', protagonizada por Luis Zahera e convertida nun éxito de Netflix, é tamén un dos epicentros dun caso que a UDEF investiga por presunto alzamento de bens e desvío de fondos. Segundo o oficio policial remitido ao Xulgado de Instrución número 1 de Santiago o 8 de outubro de 2025, a sociedade Asemali Inversiones S.L., con sede en Vilagarcía de Arousa, figura como arrendadora da nave, mentres que a produtora Alea Lágrimas S.L., dirixida por Aitor Gabilondo, aparece como arrendataria. Esta empresa é a responsable da serie 'Animal' e está vinculada a Netflix Worldwide Entertainment LLC.

A antiga nave de 'El Correo Gallego', convertida na tenda de animais 'Kawanda' para a serie de Netflix 'Animal'
A antiga nave de 'El Correo Gallego', convertida na tenda de animais 'Kawanda' para a serie de Netflix 'Animal' | Fonte: GC

O contrato, asinado en Madrid o 1 de decembro de 2023, establece unha renda mensual de 9.520 euros durante seis meses, dende o 13 de novembro de 2023 ata o 1 de maio de 2024, con efectos retroactivos. O documento, a que tivo acceso Galicia Confidencial, fixa o pago do 50 % inicial (26.655,97 euros) á firma e o resto mediante seis pagarés mensuais ata maio de 2024. O documento foi asinado por Ricardo Asensi Fajardo, en representación de Asemali Inversiones, e por Aitor Gabilondo López, pola produtora Alea Lágrimas. No contrato inclúese ademais un anexo anticorrupción que recolle as políticas internas de Netflix contra calquera forma de suborno ou pago irregular, o que engade ironía ao contexto no que hoxe aparece citado: unha investigación por presunto desvío de fondos.

O PERCORRIDO DOS CARTOS: DE NETFLIX A REY NOVOA

Segundo fontes da investigación, os pagamentos realizados pola produtora --que suman máis de 44.000 euros entre decembro de 2023 e febreiro de 2024-- foron obxecto de análise pola UDEF, ao detectar que presuntamente parte do diñeiro do arrendamento da nave acabou transferido dende Asemali Inversiones á sociedade Think First S.L., controlada polo exadministrador de El Correo Gallego, José Manuel Rey Novoa. O informe policial describe o itinerario do diñeiro: "Transferíronse 44.070,37 euros de Asemali a Think First, dos cales máis de 28.800 euros remataron a disposición de Rey Nóvoa". Estas operacións coinciden en tempo e importe cos pagos recollidos no contrato de alugueiro da nave para a rodaxe da serie.

Tal e como puido saber este medio, traballadores da produtora chegaron a declarar ante a policía para xustificar os pagamentos realizados. A produtora, que segundo o contrato debía ingresar as rendas na conta indicada por Asemali Inversiones, non tiña coñecemento de que esta sociedade estaba sendo investigada como posible testaferra de Rey Novoa. Asemali, con domicilio en Rúa Estivadas 17, Vilagarcía de Arousa, é unha das tres sociedades identificadas pola UDEF dentro da trama de empresas utilizadas para subarrendar e mover fondos procedentes do patrimonio da editora. O documento asinado por Asensi recoñece que o inmoble ten uso industrial e que se cede "para o desenvolvemento de producións audiovisuais da obra titulada 'Animal Salvaje'".

FICCIÓN E REALIDADE MESTÚRANSE NA INVESTIGACIÓN POLO DESVÍO DE FONDOS

O contrato outorga á produtora os dereitos de imaxe integrais do inmoble, incluídos os elementos ornamentais e a fachada, "para todo o universo e durante toda a duración dos dereitos da obra", o que explica por que a nave segue hoxe rotulada como 'Kawanda', o nome ficticio da tenda da serie. Para a UDEF, os datos son claros: mentres Alea Lágrimas pagaba o alugueiro á sociedade formalmente propietaria da nave, os fluxos económicos remataban, presuntamente, desviándose ao círculo persoal do exadministrador da editora, mediante transferencias e ingresos en efectivo. As mesmas fontes engaden que esta liña de investigación céntrase en determinar se os alugueiros e subarrendamentos formaban parte dun mecanismo de ocultación de bens previo e posterior ao concurso de acredores de El Correo Gallego.

A documentación revisada amosa que, entre 2020 e 2023, desapareceron máis de 100 obras de arte da colección do xornal, e que a nave utilizada por Netflix formaba parte deses espazos inventariados nos informes de taxación. O contraste é evidente: o contrato de rodaxe da serie inclúe cláusulas de ética e anticorrupción mentres a Policía Nacional investiga o destino dos cartos xestionados por quen asinou en nome do arrendador. Unha historia na que ficción e realidade se entrelazan de maneira case literaria: a mesma nave onde Luis Zahera fixo rir a millóns de espectadores e segue facéndoo aínda a día de hoxe, é actualmente unha das probas máis sensibles dun caso de presunto alzamento de bens en Galicia vinculado á un dos xornais históricos máis importantes da nosa terra.

ABANCA PODERÍA TOMAR O CONTROL: NETFLIX TERÁ QUE NEGOCIAR CO BANCO A FUTURO

Agora, a historia engade unha nova volta xudicial. O pasado 29 de setembro, a xuíza da peza de execución hipotecaria ditou un auto ordenando a publicación da subasta da nave no Boletín Oficial do Estado (BOE), en beneficio exclusivo de Abanca, segundo puido saber este medio. Aínda que o anuncio non se fixo público, fontes xurídicas confirman que a entidade bancaria xa asumiu o control efectivo do inmoble, culminando un proceso iniciado tras os embargos e hipotecas que pesaban sobre el. A decisión supón un cambio definitivo de titularidade: a antiga sede de El Correo Gallego, convertida en plató de Netflix, pasa agora a mans da entidade financeira. Se a produtora Alea Lágrimas ou a propia plataforma quixesen rodar unha segunda tempada de 'Animal', terán que negociar directamente con Abanca.

Fontes de Abanca consultadas din  que aínda falta moito para a subasta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta