Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2025 | Actualizada ás 14:23
A Xunta deu luz verde ambiental condicionado ao proxecto para implantar un campamento de turismo na parroquia de Artes, no concello coruñés de Carballo, concretamente, nunha parcela cunha superficie total de máis de 23.000 metros cadrados.
O Executivo autonómico traslada que, segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, "non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados deste proxecto, a condición de que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución da Xunta".
Neste sentido, explica, o IIA foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, "sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, á vez que se expuxo a consultas por parte dun total de dez organismos interesados".
Froito desas consultas, engade, foron establecidos algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade. O informe marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.
Así, esas avaliacións consideran que esta iniciativa "non vai ter impactos significativos nos distintos campos analizados e que sería viable a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do chan e as infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural".
A Xunta detalla que o obxecto deste proxecto é a instalación dun campamento de turismo nunha parcela de máis de 273.134 metros cadrados, dos que 23.050 destinaranse ao desenvolvemento da actividade. O campamento localizarase no centro da parcela e estará composto por 30 cabanas prefabricadas e revestidas de madeira, con capacidade de aloxamento para ata 110 persoas, ademais dunha caseta destinada a recepción, tenda e lavandaría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.