A Xunta rectifica e suprime o período de proba para o persoal funcionario interino

Actualiza e amplía os permisos por nacemento para empregados públicos e avanza no sistema de recoñecemento da progresión na carreira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta dá marcha atrás e, un ano despois, suprime o artigo polo cal estableceu un período de proba para o persoal funcionario interino. A lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos incorporou este artigo en 2025 e retírao no proxecto de lei de 2026, segundo recolle Europa Press. En concreto, a Xunta expuxera que o primeiro nomeamento como persoal funcionario interino nun determinado corpo, escala ou especialidade estaría suxeito a un período de proba.

Este período tería unha duración de tres meses para os corpos, escalas ou especialidades do grupo A; dous meses para o grupo B; e un mes para os corpos, escalas ou especialidades do grupo C e da agrupación profesional de persoal funcionario. A non superación do período de proba implicaría o cesamento da persoa nomeada como persoal funcionario interino e a baixa na lista correspondente ao grupo, corpo e/ou escala ou especialidade en que se realizou o chamamento durante un período de seis meses.

Fontes da Consellería de Facenda consultadas por Europa Press explican que esta rectificación responde a un acordo da comisión bilateral de cooperación da administración xeral do Estado con Galicia, que concluíu que as causas de cesamento son normativa básica e por tanto "non poden ser obxecto de regulación por parte dunha comunidade autónoma". Por iso a Xunta eliminou esta causa de cesamento así como o período de proba, "dado que se a non superación do período de proba non ten ningunha consecuencia, carece de sentido mantelo na lei", sinalan as fontes do departamento de Miguel Corgos.

OUTROS CAMBIOS

Aínda en materia de emprego público, a coñecida como lei de acompañamento modifica, un ano máis, numerosos aspectos da lei do emprego público de Galicia. Así, incorpora o permiso parental para o precepto relativo ao persoal laboral que indica que se rexe por esta lei e non lle son de aplicación as previsións da lexislación laboral sobre as suspensións dos contratos de traballo que, no seu caso, correspondían. Ademais, engade un artigo segundo o cal os funcionarios teñen dereito a ausentarse do posto de traballo polo tempo indispensable para a realización dos actos preparatorios da doazón de órganos ou tecidos sempre que deban ter lugar dentro da xornada de traballo.

Hai cambios, así mesmo, no referente ao denominado con anterioridade "permiso por parto", con actualizacións e melloras no "permiso por nacemento" para a nai biolóxica e a da proxenitora diferente da nai biolóxica, garda co fin de adopción, acollemento ou adopción dun fillo. Deste xeito, nos casos de parto, a nai funcionaria ten dereito a un permiso retribuído de 22 semanas, cuestión que xa estaba na lei, pero incorpórase, entre outras novidades, o suposto de familia monoparental por existir unha única persoa proxenitora, para o que o permiso será de 32 semanas.

Por outra banda, a lei de medidas especifica que o Consello da Xunta aprobará durante o ano 2026 o desenvolvemento regulamentario do sistema provisional en tanto non se implante o sistema de carreira profesional. Trátase dun sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, "que permita ao persoal funcionario da Administración da Xunta de Galicia progresar de forma voluntaria e individualizada e que promova a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional".

San Caetano
San Caetano | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta