Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/10/2025 | Actualizada ás 12:56
A Xunta celebrará no mes de novembro os primeiros cen exames en liña das probas Celga do nivel 4 que acreditan o dominio do galego. Deste xeito, Galicia será pioneira con esta iniciativa, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática cando, ata o de agora, só se podían facer de maneira presencial.
Con esta medida da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Goberno galego procura ofrecer as maiores facilidades posibles para que unha persoa poida ser avaliada das súas competencias en lingua galega e obter unha titulación oficial, independentemente do lugar xeográfico no que se atope. A Xunta amplía a modalidade destas probas, xa que ten en conta que esta formación ten demostrado ser unha ferramenta de grande utilidade para afianzar o interese pola aprendizaxe do galego, sobre todo ante o contexto actual, que ten recibido nos últimos cinco anos máis de 115.000 persoas chegadas de fóra de Galicia.
CEN CURSOS PARA 1.500 PERSOAS ESTRANXEIRAS
Neste senso, compre salientar os esforzos da Xunta respecto a potenciar a presenza do galego na sociedade con novas oportunidades para certificar as competencias neste idioma, especialmente entre as persoas que non a tiveron como lingua nai, conscientes de que o desafío, neste intre, pasa por prestixiar e atraer a xente cara ao noso idioma, facendo fincapé na proveniente do exterior.
Precisamente, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa está a ofrecerlles cursos de lingua e cultura galegas ás persoas non nadas en Galicia co obxecto de que, ao remate deste mesmo ano, sexan máis dun cento os impartidos e unhas 1.500 os participantes nestas clases. Para esta formación partillada por toda a Comunidade, cóntase coa colaboración de 28 concellos adheridos á Rede de Dinamización da Lingua e das institucións de Cáritas e Cruz Vermella.
Estas clases levaranse a cabo ata final de ano nos municipios coruñeses de Abegondo, Ames, Arzúa, Boiro, Coruña, Ferrol, Melide, Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo, Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Ribeira e Teo; nos pontevedreses de Baiona, Estrada, Ponteareas e Redondela; e nos ourensáns de Barbadás, O Barco de Valdeorras e O Carballiño. Estes cursos, de carácter presencial, súmanse aos 46 que se están a impartir, en colaboración con Cáritas, desde o pasado mes de xuño. A esta formación, hai que engadirlle os 25 que se ofertarán a través de Cruz Vermella e outras clases de galego que se darán desde o Centro de formación do ámbito sanitario. Deste xeito, rematarase 2025 cun cento de cursos dirixidos a 1.500 persoas non nadas en Galicia.
Para a posta en marcha destes cursos, primeiramente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude púxose en contacto con asociacións e entidades que traballan coa comunidades dos distintos países de procedencia destes colectivos para artellar unha formación á medida das súas singularidades.
Con este propósito, creáronse materiais didácticos, o desenvolvemento de cursos formativos das persoas que están a impartir as clases e a colaboración con diferentes organismos e departamentos do Goberno galego, como é a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a de Política Social e Igualdade ou a de Emprego, Comercio e Emigración para o contacto cos colectivos de diferentes países que están a vivir en Galicia.
PRESTIXIO E USO DO GALEGO
Tanto os exames Celga en liña como os cursos de cultura e lingua galegas para persoas estranxeiras forman parte do plan de medio cento de medidas de aplicación inmediata no 2025 para impulsar o prestixio e uso do galego e que está a desenvolver a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude durante todo este ano.
Entre este paquete de accións inmediatas tamén se atopan aquelas formativas dirixidas a outros colectivos como é o da xustiza, co desenvolvemento de cursos de formación específica en lingua e cultura galegas para os seus profesionais ou co impulso do idioma na redacción de documentos públicos, a posta en marcha de iniciativas encamiñadas a favorecer o neofalantismo ou as diferentes colaboracións para dinamizar o uso do galego nos eidos como o comercio ou ensino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.