O lecer nocturno abrirá até as tres da madrugada e poderase bailar en pista con máscara e distancia de seguridade

A capacidade no interior será do 50 por cento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/06/2021 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

O lecer nocturno poderá abrir ata as 3,00 horas da madrugada a partir do día 1 de xullo en Galicia e poderase bailar nas pistas sempre que se faga uso da máscara e se manteña unha distancia de seguridade de 1,5 metros.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reúnense con representantes do lecer nocturno
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reúnense con representantes do lecer nocturno | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Así o acordaron este xoves os representantes do lecer nocturno e a Xunta de Galicia nunha reunión na que participou o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Os pubs, salas de concertos e discotecas terán que respectar unha capacidade do 50% no interior e do 100% nas terrazas, medidas idénticas ao do resto da hostalaría.

Ademais, os clientes terán que identificarse deixando os seus datos para facilitar o rastrexo en caso de detectarse algún contaxio e os establecementos deberán dispor de medidores de CO2.

Segundo informou o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, nunha comparecencia ante os medios tras a reunión, ambas as partes volveranse a reunir o próximo 15 de xullo para estudar a posibilidade de ampliar tanto o horario de apertura como o nivel de ocupación segundo a evolución da pandemia.

Alfonso Rueda sinalou que, na cita, valorouse positivamente as probas piloto realizadas o pasado día 12 en catro pubs e dúas discotecas. Deste xeito, atendendo aos resultados das mesmas e á boa evolución da situación sanitaria en Galicia, acordouse a reapertura deste sector, un dos que máis tempo permaneceu pechado pola pandemia.

O vicepresidente primeiro agradeceu tanto ao sector como aos clientes a súa responsabilidade nas probas piloto e espera que a reapertura se produza na mesma liña e que permita, cando dentro de 15 días se analicen os resultados, flexibilizar as normas. Así, apelou a seguir sendo responsables porque "sen sentidiño non hai desescalada".

SATISFACCIÓN DO SECTOR

Tras o encontro, o portavoz da plataforma Galicia de Noite e xerente da sala Pelícano da Coruña, Luís Diz, mostrou a satisfacción do sector pola próxima apertura e, aínda que recoñeceu que cando negocian "sempre se pide máis", considerou necesario "ser consecuente" cos pequenos repuntes da covid-19 que se rexistran.

"Non queremos que nos volvan a criminalizar e a estigmatizar. Imos ir con sentido e ver dentro de 15 días se se vai controlando", afirmou o empresario, que asegurou que o sector vai facer "as cousas ben" e que dentro dos locais de lecer nocturno estarase "máis seguro" que en celebracións particulares nas que xente estea "sen a máscara e sen distanciamento".

Luís Diz incidiu no uso de máscara será unha condición "indispensable e obrigatoria" para poder acceder a este tipo de locais. "No momento no que entras en calquera local de lecer nocturno tes que ter a máscara e só se poderá retirar en momento puntual do consumo", afirmou.

"Cremos nesa norma", sinalou para asegurar que o sector debe trasladar á opinión pública e aos seus clientes que aínda se está "en pandemia". "O conselleiro acábanos de explicar que a cepa do variante Delta está moi implantada na cidade da Coruña e na Comunidade e iso vai supor un aumento de contaxios", sinalou.

Por todo iso, considerou necesario "tender a man" ás autoriades santiarias e "formar parte desa responsabilidade".

CONTROIS

Ademais, o vicepresidente primeiro incidiu en que "non é unha casualidade" que este tipo de locais fosen os últimos en abrir e fixo un chamamento ás forzas e corpos de seguridade, especialmente á Policía Local a evitar aglomeracións unha vez que pechen estes establecementos.

"A Policía Autonómica vaino a facer e manteremos contactos neste sentido cos gobernos municipais e as forzas de seguridade para seguir traballando para que iso non suceda", sinalou Rueda, que tamén subliñou a necesidade de "evitar por todos os medios" o botellón en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta