Discursos perigosos

Todas e todos traballamos nun camiño semellante, que non é outro que a defensa da dignidade e dunha forma de facer as cousas con máis ética enriba da mesa

Por Rubén Pérez | A Coruña | 07/12/2013

Comparte esta noticia

Estamos nun momento de inflexión. A crise económica foi un verdadeiro mecanismo de tensión para poñer enriba da mesa moitas cuestións ao redor das touradas e da súa supervivencia a través do diñeiro público. Resulta significativo o investimento nestes espectáculos de violencia nun contexto onde a cidadanía está a sufrir os recortes orzamentarios en servizos básicos.

Todas e todos traballamos nun camiño semellante, que non é outro que a defensa da dignidade e dunha forma de facer as cousas con máis ética enriba da mesa. Non é de recibo que mentras un concello gasta centos de miles de euros en subsidiar festexos taurinos alegue falta de recursos para asistir a persoas en risco de exclusión social. Familias que chegan a ser desafiuzadas e que non teñen outra alternativa dende as institucións que rematar nun albergue.

Non hai que esquecer que na plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas confluímos persoas de diferentes pensamentos, pero temos unha idea común: Queremos acabar cunha actividade que ademáis de expoliar á Administración Pública supón un exercicio de máxima crueldade cos animais, e resulta inadmisible que existindo unha maioría social que rexeite as touradas os gobernantes de turno premien aos grupos de presión e a o entramado taurino.

Neste camiño hai algúns elementos de activación social moi senlleiros. Cando varias persoas iniciaron unha Iniciativa Lexislativa Popular en Cataluña poucos pensaron que podería servir, máis o empeño e unha aritmética parlamentar axeitada acadaron un dos maiores éxitos en materia de respeto cara os animais, que esta comunidade deixara de exceptuar as corridas de touros como espectáculo de maltrato, e así foi.

Seguindo o exemplo catalán houbo outros intentos de reprtir a experiencia pero non había nin medios nin estratexia nin un soporte axeitado… e así sucedeu, co rexeitamento das ILP de Andalucía e Madrid. Nembargantes, aquí gardamos moitas semellanzas co territorio catalán. Hai moi poucos festexos taurinos, unha ampla oposición e tamén un número cada vez menor de asistencia a esta actividade. Mesmo nalgúns aspectos adiantamos aos cataláns, xa que segundo as enquisas somos “máis abolicionistas” en Galicia, pero a distribución nos órganos de decisión, isto é, o propio Parlamento galego, non se reflicte a opinión da rúa neste eido.

Neste momento é onde aparece un discurso taurino cada vez máis perigoso, baseado no insulto, na falacia e na ameaza. Na teoría, cando un movemento social achégase a obter os mellores resultados a reacción do “establishment”, deste conglomerado organizado ao redor dos subsidios e do poder político, comeza a ser máis violenta. Non podemos esquecer as comparacións que se fan do terrorismo e das accións de desobediencia civil da Plataforma de Afectados pola Hipoteca. En menor medida algúns xa estamos a sufrir isto. Ameazas e insultos e ata a divulgación de datos falsos ao redor das nosas esferas privadas.


Rubén Pérez participa no Encontro cidadán “Activismo contra o maltrato aos animais"  na Fundación Paideia (Praza de María Pita, 17. A Coruña) ás 20 horas do 13 de Decembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rubén Pérez Rubén Pérez (A Coruña. 1986) é activista a prol dos dereitos dos animais. Diplomado en Traballo Social e con posgraos en Violencia de Xénero e Acción Humanitaria, colabora en LIBERA! dende 2007, organización na que desenvolve tarefas de coordinación e comunicación política. Dende 2008 tamén é voceiro adxunto da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, alianza que traballa investigando, entre outros eidos, o uso de diñeiro público en festexos taurinos.