Apuntamentos sobre o caso do “refuxio” de Bando

Voluntarios expulsados por discordar coa líña oficial da xerencia da Fundación Refuxio de Animais, máis de 1500 animais sacrificados nos últimos anos, e un padroado que non se entera da situación. O caso de Bando é significativo dunha errada xestión económica e social.

Por Rubén Pérez | Santiago de Compostela | 06/09/2012

Comparte esta noticia

Na última semana comezamos unha serie de accións contra o que supón unha xestión pésima das instalacións do que antes era o refuxio de animais de Bando, agora reconvertido en canceira eutanásica grazas á actual xestora.

O caso de Bando é especialmente significativo. En 2004, Paloma Aguirre, unha veterinaria que proviña dun parque zoolóxico é nomeada directora do refuxio, e declara en Radio Voz que non se van sacrificar animais, pero oito anos despois a situación é ben diferente. Non só se sacrificaron cans e gatos, senón que este número ascende a 1520 dende 2005. Por tanto, pouco lle durou a idea á señora Aguirre.

De xeito paralelo imponse unha dura política de control das opinións. Neste último ano expulsan ata seis voluntarios, algúns con máis dun lustro de colaboración coa fundación, polo mero feito de exercer a súa liberdade de expresión. Por denunciar precisamente a política de sacrificio de seres vivos sans e perfectamente válidos para a adopción. Pero tamén por propoñer ideas alternativas de xestión e iniciativas sobre adopcións e esterilizacións dos animais. Quizáis esta forma de camiñar cara diante da xestora de Bando responde a unha incapacidade manifesta para facer o seu traballo no eido económico. Senón resulta complicado comprender como cun orzamento de 300.000€ anuais, o 80% remate no capítulo de persoal. E iso que conta con voluntarios que poden apoiar as tarefas diarias. Non o digo eu, son cousas da titular de Medio Ambiente do Concello de Santiago. Só quedan 60.000 euros ao ano para os animais. E todo iso subcontratando servizos de lacería, veterinarios, e demáis parafernalia innecesaria...

Tendo en conta estes antecedentes resulta imposible non tomar partido nesta loita, unha loita polos animais a fin de contas, unha loita para que unha inútil manifesta da xestión desapareza da cúspide dunha Fundación que propuña ser un modelo en protección animal. Aquelas instalacións idealizadas de 2004 que menos dunha década despois non teñen nada que envidiar as canceiras que pululan pola xeografía galega.

E porque os voluntarios que foron expulsados tamén viron vulnerados os seus dereitos, porque sí, os voluntarios son persoas e tamén teñen dereitos ao igual que obrigas. Expulsados a través dun correo electrónico, vulnerando de xeito flagrante a Lei de Acción Voluntaria no respeto á pluralidade, ao procedemento de expulsión regrado e a garantía de audiencia da persoa interesada; que entrou en vigor no mes de novembro do ano 2011, e que, outra cousa máis, parecía descoñecer a directora da Fundación Refuxio de Animais. Queda por dilucidar porqué o padroado desta entidade declarada de interese galego non actuou. Quizáis porque algúns tentan agochar as súas vergoñas facendo que protexen aos seres vivos, cando asumen que unha política de exterminio é mellor que unha xestión eficaz e de promoción da adopción. Un padroado que tamén permite, como rezan as normas internas, que a xerencia preseleccione aos candidatos a representante do Voluntariado na propia fundación. Se apoias a súa xestión, poderás participar, se a rexeitas, esquécete estamos na pequena Bielorrusia.

E a resposta de Aguirre foi nin máis nin menos que dicir que mentimos, que seis antigos voluntarios de Bando minten e que se os expulsou era porque “vandalizaban” as instalacións e collían cousas aos compañeiros. Acusacións moi graves que se non son rectificadas esta semana chegarán aos xulgados de Compostela, iso seguro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rubén Pérez Rubén Pérez (A Coruña. 1986) é activista a prol dos dereitos dos animais. Diplomado en Traballo Social e con posgraos en Violencia de Xénero e Acción Humanitaria, colabora en LIBERA! dende 2007, organización na que desenvolve tarefas de coordinación e comunicación política. Dende 2008 tamén é voceiro adxunto da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, alianza que traballa investigando, entre outros eidos, o uso de diñeiro público en festexos taurinos.