Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 19/06/2025
Cando España é algo moito máis amplo, diverso e complexo ca capital do reino. Con todo supoño que esa locuaz presidenta fala soamente para os seus capitalinos. Ou sexa: pra os madrileños. Pois esa forma de expresarse tráeme á memoria cando uns señores desa provincia, nunha conversa me dixeron: “Vosotros los de provincias...” Ou sexa, todos os demais que vivíamos fora desa inventada comunidade autónoma eran provincianos dado que moraban lonxe da capital do reino. Nin que dicir que o asunto chamoume moito á atención.
Pois ben, esquecéndome da señora Ayuso, pois as súas verbas pouco me importan, vexo que o de provincianos en certa medida é o mesmo problema que acontece nesta terra. Pois tanto na Coruña como en Vigo, aínda que non din o de provincianos, andan na lea de quen ten a oferta universitaria con máis títulos nos seus campus. E fano esquecendo ó resto das provincias da comunidade, pois pensan que eles son a totalidade de Galicia, aínda que soamente son unha parte. E no caso de Vigo coas súas xustas reivindicacións de que o AVE lles chegue alí dende a capital do reino, non lles importa que lle anulen frecuencias e paradas dese tren a unha comarca moi ampla desta provincia do interior.
O rural do que tanto se fala, do que se di que hai que potencialo, volve ser o que paga as consecuencias pra que a cidade olívica estea mellor servida e conectada coa capital madrileña. Que o alcalde vigués reclame mellores comunicacións por tren para Vigo paréceme ben. Mais que o faga a costa de recortarlle viaxes e servizos a unha comarca moi ampla da Galicia interior paréceme un erro. Pois, por moito que diga Sr. Caballero, Vigo non é o centro do mundo nin a totalidade de Galicia. E as súas leas coa Coruña por ser a cidade mais importante desta terra tampouco nos gustan ren, dado que todo eso demostra un certo provincialismo ó igual que o fai a presidenta madrileña coa súa idea de que Madrid es España.
Ben sei que neste Ourense os representantes políticos tragan con todo o que lle boten enriba das costas. E aínda que ás veces falan de ourensanía para quedar ben todo é un conto. Tamén sei que carecen de iniciativas e posturas reivindicativas serias e, neste caso, queda moi claro, pois o principal concello da provincia que é o de Ourense no existe nin para axudar neste asunto. Veremos que fai cando nos recorten paradas dese tren. Ás veces a maioría dos anuncios que saen na prensa falando de que se vai potenciar o rural non deixan de ser verbas baleiras de contido, mellor fume. Anuncios sen sustancia que esquecen que cada pouco elimínanse servizos nesas zonas da periferia. Nin Madrid é España nin Vigo coas súas leas reivindicativas universitarias, nin tampouco Coruña son a totalidade desta nosa terra. Esa maneira de falar é moi semellante á que tamén emprega moita xente da capital do reino, aínda que non deixen de ser uns provincianos que non ven máis alá da súa sombra.