Piden penas de 5 anos de cárcere por estafar case 200.000 euros co timo dos billetes tintados

Os estafadores prometéronlle á vítima un maletín con 25 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 27/06/2021 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide penas de 5 anos de cárcere para cada un do tres acusados dun delito de estafa, por apropiarse de case 200.000 euros dun coruñés, ao que enganaron mediante o coñecido como timo dos billetes tintados, e que serán xulgados este luns na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña.

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron en agosto de 2005, cando os acusados (de nacionalidade camerunesa) e outra persoa non identificada captaron á vítima nun local da Coruña. Así, citárono días despois nunha cafetaría e alí explicáronlle que un deles era fillo do embaixador de Costa do Marfil e que recibira varios millóns de euros para axuda humanitaria.

Os estafadores relataron que o diñeiro estaba tintado de negro para evitar roubos nese país e que para eliminar esa tintura era necesario someter os billetes a un proceso químico, no que había que investir 130.000 euros para a compra de varios produtos. Ademais, sinalaron que o diñeiro se atopaba nunha maleta en Francia e que necesitaban certa cantidade para subornar a funcionarios e lograr así introducilo en España.

Os acusados convenceron á vítima para que lles entregase 4.600 euros e citáronse de novo con el nun hotel de Madrid en días posteriores. Nese hotel, para dar veracidade á súa historia, realizaron unha demostración de como se eliminaba a tinguidura duns billetes de 50, 100 e 200 euros, e persuadiron ao home para que lles adiantase outros 65.000 euros, que lles pagou en setembro, a cambio de media botella dun líquido para 'destintar' o diñeiro.

Días máis tarde, o prexudicado viaxou de novo a Madrid, onde outros individuos non identificados entregáronlle unha maleta que supostamente contiña 25 millóns de euros en billetes tintados, e o home entregoulles, en diversos pagos, outros 76.000 euros, así como varias transferencias e xiros por 18.000 euros.

Os acusados conseguiron convencer á vítima para que, en novembro, fixese un novo ingreso por 3.200 euros e, días despois, entregou outros 22.000 euros a un dos estafadores nun hotel da Coruña, a cambio duns pos para o falso tratamento químico dos billetes.

En total, os acusados e os seus cómplices non identificados estafaron a este home 188.800 euros, que incorporaron ao seu propio patrimonio, e a Fiscalía pide que cada un deles sexa condenado a 5 anos de cárcere, e ao pago dunha multa de 3.600 euros, ademais de indemnizar conxuntamente en 188.800 euros á persoa estafada.

Billetes falsos
Billetes falsos | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta