O comité clínico reunirase preocupado pola área de Pontevedra tras o megafoco de Mallorca

O doutor Sergio Vázquez apunta a esta área sanitaria, aínda que cre que como moito, "se non empeoran os datos", podería escalar a nivel medio

Por E.P. | Compostela | 28/06/2021 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O comité clínico sentará este martes co foco na situación de Sarria, pendente dun cribado a máis de 500 veciños que será determinante para decidir se se converte ou non no primeiro municipio galego que regresa ao nivel máximo de alerta, e sobre todo a situación da área sanitaria de Pontevedra a raíz do 'megafoco' asociado a viaxes de fin de curso a Baleares.

Así o ratificou a Europa Press o doutor Sergio Vázquez, membro do órgano sanitario que asesora á Xunta desde o principio da pandemia, quen explicou que, dentro da provincia, a "preocupación", tras os últimos datos de contaxios vinculados co foco balear, céntrase en concreto na área sanitaria de Pontevedra.

Precisamente, os últimos datos de sanidade, que sitúan por encima do centenar os casos positivos rexistrados en Galicia ligados con este brote, sitúa na provincia de Pontevedra 89 (e deles, nove en Vigo) tras sumar os casos secundarios (doutras persoas que foron contaxiadas por estudantes que chegaron de Mallorca).

En Lugo e Ourense tamén se constataron casos, pero en menor medida, e para este martes está previsto un cribado a 90 estudantes que viaxan desde Mallorca en canto cheguen ao aeroporto.

O propio conselleiro, Julioo García Comesaña, incidiu en que hai que esperar aos datos máis recentes e a ver como se estenderon os casos para determinar que medidas se tomarán, de adoptarse, e se afectan a toda a provincia ou a áreas concretas. O doutor Vázquez, pola súa banda, apuntou con especial intensidade á área sanitaria pontevedresa.

En todo caso, aínda que se mostrou prudente, posto que os datos do fin de semana non permiten unha panorámica completa e serán claves os que transcendan na xornada deste martes, mostrouse convencido de que, coas cifras que hai encima da mesa neste momento "como moito" escalaríase en nivel de restricións de medio baixo a medio.

Engadiu que, a pesar da evolución rexistrada na Coruña, por exemplo, que tamén é significativa, Pontevedra é, dentro das capitais de provincia, a que máis preocupa. "Na Coruña sempre nos custou máis baixar, pero hai subidas e baixadas, é unha situación distinta", reflexionou.

Reunión do comité clínico do 22 de xuño. ANA VARELA
Reunión do comité clínico do 22 de xuño. ANA VARELA | Fonte: Europa Press

SARRIA TAMÉN NO FOCO

Á marxe da área de Pontevedra, o experto admitiu que a situación de Sarria (Lugo) tamén estará baixo a lupa. Neste caso, decidiuse o pasado venres elevar a nivel alto as súas restricións, e será determinante o cribado realizado este luns --tanto en cantidade como na definición dos novos casos, se os hai-- para decidir se se dá un paso máis e a lucense convértese na primeira localidade galega que, avanzada a desescalada, regresa a nivel máximo.

O nivel máximo de restricións en Galicia leva pasos duros como o peche perimetral --que requiriría aval xudicial--, restricións máis duras en actividades como a hostalaría e tamén outro tipo de pasos como a obrigatoriedade da máscara en exteriores, con independencia de que se poida manter a distancia de seguridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta