Deteñen en Úbeda ao responsable dun grupo que extorsionaba a usuarios de webs de contactos sexuais

Un veciño do Morrazo denunciou os feitos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo en Úbeda ao principal responsable dun grupo criminal que, supostamente, extorsionaba a usuarios de páxinas de contactos sexuais a cambio de non revelar esa información ás súas familias. As investigacións iniciáronse en Pontevedra por mor da denuncia presentada por un veciño da comarca do Morrazo.

Segundo informou o Instituto Armado, os integrantes aproveitábanse da presión que supuña para a vítima a posibilidade de que a súa familia coñecese o uso desas páxinas de carácter sexual e dos servizos de prostitución. "Deste xeito trataban de lograr vencer a súa vontade e que accedesen ás peticións de pago dos extorsionadores", engade.

O grupo integrábano tres persoas, dous homes e unha muller, afincados en Valencia, todos eles "cun amplo historial de antecedentes policiais", destaca a Benemérita.

No operativo foi detido o principal responsable, que ingresou en prisión. O segundo home, que xa foi identificado, está pendente de prestar manifestación en sede xudicial e a muller atópase fuxida e en paradoiro descoñecido.

EXTORSIÓN

As investigacións levadas a cabo pola unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia de Pontevedra, no marco da denominada 'Operación Hetera', iniciáronse o mes de xaneiro deste ano cando un veciño da comarca pontevedresa do Morrazo denunciou no Posto da Garda Civil de Cangas que era extorsionado polo suposto responsable dunha páxina de contactos sexuais en Internet.

Os feitos denunciados comezaron cando esta persoa estableceu contacto por mensaxería cunha moza a través dun anuncio publicado nunha páxina web de contactos.

Posteriormente, indican as mesmas fontes, "a vítima comezou a recibir chamadas telefónicas ou mensaxes que lle esixían diñeiro polo tempo que estivera falando coa moza pola aplicación de mensaxería instantánea e desta maneira viuse obrigado a realizar dous ingresos de 500 euros cada un".

Cando xa cría resolta a "débeda", indica o Instituto Armado, mediante un vídeo chamada, na que aparece un home encapuchado cunha arma curta, esíxenlle outro ingreso de 5.000 euros con "serias ameazas cara á súa familia se non o facía", polo que, engade, "unha vez máis, viuse obrigado a ceder á chantaxe".

As investigacións realizadas durante estes meses polo Grupo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra culminaron coa identificación do tres persoas que integraban o grupo extorsionador.

O principal responsable do grupo, de nacionalidade uruguaia, sobre o que recaían 18 ordes de detención ditadas por diversos xulgados da provincia de Valencia, onde ten fixado o seu domicilio, foi localizado e detido en Úbeda e ingresado posteriormente en prisión.

Outro home, tamén veciño de Valencia, foi identificado como integrante do grupo e atópase pendente de comparecer ante a autoridade xudicial para prestar manifestación sobre os feitos.

A Garda Civil detén a un veciño de Valencia responsable dun grupo criminal que extorsionaba a usuarios de páxinas web de contactos sexuais tras unha denuncia no Morrazo.. GARDA CIVIL
A Garda Civil detén a un veciño de Valencia responsable dun grupo criminal que extorsionaba a usuarios de páxinas web de contactos sexuais tras unha denuncia no Morrazo.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta