Soben xa a 108 os positivos galegos do foco balear, á espera do cribado de Lavacolla

Cinco dos novos casos detectados son da área sanitaria de Pontevedra, a máis afectada, e o outro é da área de Vigo.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 29/06/2021 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

A totalidade dos mozos que chegaron este martes ao mediodía ao aeroporto compostelán de Lavacolla procedentes de Mallorca, 86, accederon a participar no cribado posto en marcha por Sanidade para detectar posibles casos de Covid vinculados ao macrofoco orixinado en festas e actividades de lecer na illa, e que afecta a centenares de persoas de diversas Comunidades Autónomas, 108 en Galicia.

Este martes chegaron ao aeroporto de Santiago de Compostela, procedentes de Baleares, un total de 86 mozos cos seus monitores, que se atopaban en Mallorca gozando de viaxes de fin de curso (organizados pola súa conta) e todos eles accederon a someterse ás probas PCR, que son voluntarias. Os resultados coñeceranse nas próximas horas.

Mentres, polo menos outra ducia de estudantes galegos permanecen confinados no hotel Bellver de Palma, segundo confirman fontes sanitarias baleares, e permanecerán illados nesas instalacións, independentemente do resultado das súas PCR (algúns deles explicaron a Europa Press que dito resultado foi negativo), ata cumprir os 10 días de corentena, por considerarse "contactos estreitos" de persoas contaxiadas ou vinculadas co brote.

AUMENTAN OS POSITIVOS CONFIRMADOS

Por outra banda, a Consellería de Sanidade informou de que son xa 108 os casos de Covid-19 en Galicia vinculados a ese brote, ao confirmarse nas últimas horas outros 6 contaxiados: trátase de 5 positivos de persoas na área sanitaria de Pontevedra (a máis afectada polos contaxios orixinados en Baleares) e outro máis na área de Vigo.

O comité clínico que asesora á Xunta na pandemia reúnese martes e non se descarta a adopción de medidas restritivas para mitigar as consecuencias que este brote poida ter en determinadas zonas.

Chegada de estudantes procedentes de Mallorca ao aeroporto compostelán de Lavacolla.
Chegada de estudantes procedentes de Mallorca ao aeroporto compostelán de Lavacolla. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta