A Garda Civil disporá de catro oficinas móbiles para atender aos peregrinos no Camiño de Santiago

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou en Caldas de Reis estas unidades, coas que se busca "dar resposta de forma máis áxil e eficiente a calquera necesidade de seguridade ou información".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2021 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

Catro oficinas móbiles da Garda Civil prestarán apoio e atención aos peregrinos que durante este verán realicen algunha das rutas do Camiño de Santiago.

Trátase de parte do operativo 'Gardián do Camiño', que desde hai anos desprega o Instituto Armado como servizo ás persoas que participan nos camiños de Santiago e que este ano Xacobeo conta con 1.500 axentes despregados en Galicia.

Unha das novidades desta campaña serán as oficinas móbiles. Catro delas operarán en Galicia e a outra o fará fóra da Comunidade galega para prestar apoio aos peregrinos.

Este xoves, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou en Caldas de Reis estas unidades, coas que se busca "dar resposta de forma máis áxil e eficiente a calquera necesidade de seguridade ou información" que teñan os camiñantes.

Desde este xoves estarán operativas as oficinas (unha en cada provincia menos en Ourense), desde onde os axentes poderán tramitar denuncias, proporcionar información e asesoramento policial ao longo das diferentes rutas, con especial atención a puntos estratéxicos onde haxa máis concentración de peregrinos.

O delegado do Goberno puido falar cos membros do equipo da comandancia de Pontevedra no Camiño Portugués ao seu paso polo Concello de Caldas de Reis, unha unidade que prestará servizo aos 100.000 peregrinos que se prevé percorran esta ruta nos próximos meses.

O novo delegado do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, José Manuel Miñones
O novo delegado do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, José Manuel Miñones | Fonte: M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta