Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 02/07/2021 | Actualizada ás 12:51
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, explicou este venres que o Executivo apoiará a "procura, identificación e dignificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a ditadura" na Comunidade galega cunha primeira achega de 106.395,08 euros á Xunta para actuar sobre dúas fosas comúns en Cotobade e O Pino.
A través dun comunicado de prensa, a Delegación do Goberno destacou que supón "a primeira vez que un goberno habilita axudas directas ás comunidades autónomas para as actividades de procura e identificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil ou a represión política posterior".
O Boletín Oficial do Estado formaliza este venres a transferencia á Administración autónoma galega, que, indica a Delegación, "deberá desenvolver estes traballos nos próximos meses".
En concreto, actuarase sobre a fosa común do cemiterio de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade onde se estima a existencia de 11 vítimas, e na fosa situada no lugar de Amenal, no Pino, onde se sinalan tres vítimas. Para iso, a axuda contempla a creación dun grupo multidisciplinar coa participación de historiadores, forenses, arqueólogos e outros especialistas para executar estas tarefas e dignificar vítimas e lugares.
Este financiamento foi acordado o pasado mes de marzo na primeira conferencia sectorial de Memoria Democrática, presidida pola vicepresidena primeira do Goberno, Carmen Calvo, lembra a Delegación.
Nesta primeira conferencia sectorial presentáronse as liñas de traballo, en colaboración entre as distintas institucións, e as axudas directas que hoxe se formalizan no BOE, de acordo coas partidas consignadas nos Orzamentos Xerais do Estado para este ano.
PLAN
A repartición destes 106.395,08 enmárcase dentro do 'Plan Cuatrienal', que, sinala a Delegación do Goberno, "pretende dar resposta ás recomendacións dirixidas a España polos principais organismos internacionais de Dereitos Humanos, co fin de impulsar de forma decidida as políticas de Memoria Democrática, especialmente no relativo á procura, e identificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a posterior Ditadura".
O plan identifica actuacións a impulsar "para lograr o máximo impacto nun prazo de catro anos", engade. "A intención sería intervir nun total de 557 fosas en todas as comunidades autónomas, excepto nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla, onde non hai actuacións pendentes de exhumación", conclúe.
O 'Plan Cuatrienal' compleméntase co 'Plan de Choque' que o Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática puxo en marcha durante o pasado ano con carácter transitorio, para paliar a falta de recursos económicos para as políticas de Memoria Democrática, debido á ausencia de subvencións gobernamentais desde 2013.
No marco do 'Plan de Choque', o Goberno aprobou subvencións directas para entidades sen ánimo de lucro e para actuacións municipais a través da FEMP. En Galicia, lembra a Delegación, concedéronse 8.000 euros para apoiar dous proxectos: un ciclo de conferencias sobre o artista Eugenio Granell e o exilio e un estudo sobre o campo de concentración de Camposancos na Guarda (Pontevedra).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.