Limpan o río Támega como parte dun ambicioso proxecto de saneamento de Verín

Ademais da limpeza e desbroce das ribeiras do río, o proxecto global inclúe a mellorara do saneamento hídrico ao seu paso pola zona urbana e o saneamento nos núcleos de poboación que conforman o municipio.

Por X.M. Fernández | Verín | 05/07/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Concello de Verín, dentro dun Proxecto Integral de Reestruturación e Saneamento que empezou a desenvolver, vén de rematar unha primeira fase do plan especial de limpeza e desbroce das marxes do río Támega. As limpezas, que serviron para acondicionar 480.000 metros cadrados de espazo fluvial, abrangueron os tramos comprendidos desde a ponte de Pazos ata nova ponte en construción situado en Queizás; e entre a área recreativa de Tintores e a ponte da N-525 ao seu paso por Verín.

Río Támega
Río Támega | Fonte: XdL

O investimento foi de 111.492 euros e os traballos efectuados dentro deste plan consistiron na mellora da vexetación de ribeira do Río Támega mediante a retirada de árbores mortas do seu leito, retirada de vexetación invasora e desbroce selectivo en ambas as marxes.

"A segunda fase, que será executada a partir setembro, limpará as ribeiras do Támega ata a fronteira con Portugal, dotando a vila de Verín dun extenso e fermoso corredor fluvial", explicou Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde de Verín.

Segundo Seoane "o obxectivo principal deste plan é acondicionar os espazos fluviais do ría Támega para o seu aproveitamento e goce da cidadanía, sempre preservando as súas funcións ambientais e cauce ecolóxico". O rexedor lembrou ademais que para a realización destas actuacións o Concello de Verín conta cos permisos da Consellería de Medio Ambiente e da Confederación Hidrográfica do Douro.

O obxectivo principal deste plan é acondicionar os espazos fluviais do ría Támega para o seu aproveitamento e goce da cidadanía.

En relación con esta acción global enmárcase tamén a adquisición por 20.000 euros na Preguiza dunha superficie de 20.000 metros cadrados, que se suman aos 45.000 m2 xa existentes do novo parque da Preguiza. E non queda aí a cousa, porque o rexedor de Verín anunciou tamén que "Está  proxectado que ao longo deste ano, sumemos os  25.000  m2 restantes do que será --xunto co de Fontenova-- o segundo pulmón verde da nosa vila, cunha extensión total de 90.000 m2".

Verín logo terá "o segundo pulmón verde, cunha extensión de 90.000 m2"

PLAN INTEGRAL DE REESTRUTURACIÓN E SANEAMENTO

A actuación devandita sobre as marxes do río Támega supón logo a primeira gran actuación do ambicioso Plan Integral de Reestruturación e Saneamento de Verín deseñado polo Concello e que está destinado a completar o correcto funcionamento do ciclo da auga do río Támega ao seu paso por vila. O mesmo suporá un investimento total que roldará os 400.000 euros.

A segunda das actuacións estará enfocada a mellorar saneamento hídrico ao seu paso pola zona urbana e a  terceira terá como obxectivo o saneamento nos núcleos rurais que conforman o municipio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta