Igualdade, mérito e capacidade

A Constitución baséase no principio de igualdade de todas as persoas, tamén no acceso á función pública e ao emprego público en xeral.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 04/07/2021

Comparte esta noticia
As Administracións Públicas serven con obxectividade os intereses xerais con suxeición total ao Dereito. Velaí que para poder acceder ao emprego público (quer como persoal laboral, quer como funcionario, quer como sanitario estatutario) se requira de procesos selectivos que garantan a publicidade e o acceso das persoas candidatas en condición de igualdade, só atendendo aos requisitos de mérito e capacidade do xeito que se regule pola normativa da convocatoria. Unha normativa que non pode favorecer “a priori” a persoas concretas para que sexan as que accedan aos empregos públicos convocados.     
 
 No caso das Autoridades Portuarias esíxese, ademáis, a transparencia, independencia, capacidade técnica, imparcialidade e profesionalidade dos membros dos Tribunais de selección e máis que os contidos dos procesos selectivos sexan axeitados a respecto das funcións e tarefas dos postos a desenvolver nos postos de traballo suxeitos ao proceso de selección correspondente. Deste xeito, cómpre priorizar as oposicións a respecto dos concursos e concursos-oposicións que avalian méritos e entrevistas personais, agás para prazas que requiran coñecementos moi específicos.
 
 Mais a política de selección de persoal da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao vulnera todos estes criterios normativos. Nómeanse case sempre  Tribunais compostos polas mesmas persoas da Autoridade Portuaria. Abúsase de concursos e concursos-oposición mesmo para funcións  xenéricas. Adoitan fixarse prazos moi breves para a resolución do proceso selectivo, o que ten esixido historicamente o recurso dalgúns candidatos aos Tribunais do contencioso para repor a legalidade. No concurso-oposición para a cobertura dunha praza de técnico económico-financeiro,  convocado no 2018, o Xulgado do Contencioso de Ferrol anulou por sentenza de 18.09.2020 a adxudicación da praza a C.CH.L. por non lle  ter avaliado o tribunal selectivo catro pontos á recorrente V.G., atribuíndolle a esta persoa a praza .     
 
 Mais agora, case un ano despois, convocouse un simple concurso de méritos para a cobertura doutra praza de técnico económico-financeiro (porqué non un concurso-oposición como o do 2018 para unha praza que require coñecementos tan usuais?). Un concurso de méritos que fontes ferrolanas coñecedoras do caso coidan compatíbel de máis co curriculum vitae da persoa candidata escollida no 2018 á que privou da praza a sentenza xudicial.
 
Cómpre agardar que estas fontes estean trabucadas polo ben do interese público.

Preto de 3.000 aspirantes participaron este sábado nas oposicións para o Corpo Administrativo C1 da Xunta. XUNTA
Preto de 3.000 aspirantes participaron este sábado nas oposicións para o Corpo Administrativo C1 da Xunta. XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.