Sen detidos aínda pola malleira que acabou coa vida de Samuel na Coruña

Practican indentificacións e toman declaración a testemuñas. O delegado do Goberno di que "non se descarta ningúna vía", en relación a que se poida tratar dun crime homófobo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2021 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A Policía Nacional practicou as primeiras identificacións e xa tomou declaración a testemuñas da malleira que acabou coa vida do mozo Samuel na madrugada do sábado na Coruña. Con todo, aínda non se produciron detencións.

Así o asegurou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, durante unha visita realizada este luns a Ourense, durante a cal explicou que "non se descarta ningunha das vías" en relación a se se trata dun crime homófobo. "Está a traballarse en todas as vías posibles, (a investigación) está nesa fase primeira, falamos de tan só 24 ou 48 horas, e estanse tomando declaracións a todas as testemuñas. E a partir de aí saberemos se se trata dun crime homófobo ou non", recalcou.

Coche da Policía Nacional
Coche da Policía Nacional | Fonte: Delegación do Goberno.

Polo momento só "hai certas identificacións" de persoas relacionadas coa morte de Samuel en base aos testemuños solicitados e ao visionado das cámaras de seguridade na zona, pero o delegado do Goberno quixo "aclarar e deixar ben claro que non hai detidos". Neste sentido, Miñones chamou á "responsabilidade" e pediu "tempo" para "deixar traballar" á Policía, porque "estas horas son claves na investigación".

"Os detalles van ser moi importantes e por tanto creo que debemos á familia e á sociedade esclarecer os feitos e pór ante a xustiza a aqueles que levaron a cabo este crime", subliñou.

"ABSOLUTA CONDENA"

O delegado do Goberno aproveitou para mostrar a súa "absoluta condena" a esta "brutal agresión" que acabou co mozo de 24 anos: "Na sociedade na que estamos non se pode permitir o que ocorreu este fin de semana". Así, Miñones tamén trasladou todo o seu "afecto, agarimo e acompañamento" á familia, coa que tratará de falar "ao longo da mañá" deste luns.

Esta malleira mortal, ocorrida na Avenida de Buenos Aires da Coruña pasadas as 3,00 da madrugada do sábado, continúa baixo a investigación da Policía Nacional e baixo o segredo de sumario decretado polo xulgado.

Ao longo do fin de semana, as redes sociais enchéronse de mensaxes baixo o hashtag '#JusticiaParaSamuel' e na xornada deste luns cidades de toda Galicia e España vivirán manifestacións en repulsa deste crime, ante a posibilidade de que se tratou dun ataque homófobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta