As empresas galegas de pirotecnia denuncian as restricións "inxustificadas" da Xunta ao sector para este verán

Piden equiparar a súa descalada á de sectores como o lecer nocturno ou o turismo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2021 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

As empresas galegas de pirotecnia criticaron as restricións "inxustificadas" da Xunta ao sector para este verán, xa que consideran que provocarán a "desaparición e quebra" do negocio dos espectáculos de fogos artificiais.

Nun comunicado, a Asociación Galega de Industrias Pirotécnicas "alertou" da situación na que vive o sector. "Nos anos 80 contaba con 45 empresas en Galicia", detalla a asociación, "pero hoxe só quedan 16". O colectivo asegurou que todos os proxectos empresariais pirotécnicos "están a piques de desaparecer".

A Xunta de Galicia estableceu o peche temporal das actividades pirotécnicas na súa orde do DOG do 25 de xuño: unha resolución que desde a industria consideraron "carente de fundamento" e a puntilla definitiva para o sector.

"Nas outras comunidades autónomas non existe tal prohibición", expuxo a asociación, que lembrou que o sector dos fogos artificiais xera en Galicia emprego directo para 100 traballadores, así como fomenta a creación doutros 100 postos de emprego indirectos.

TOTAL INDEFENSIÓN

A Asociación Galega de Industrias Pirotécnicas pediu que a súa desescalada se equipare á doutros sectores como o lecer nocturno ou a hostalaría, para paliar a "total indefensión" que din vivir desde o inicio da pandemia.

As empresas din non entender por que outros espectáculos ao aire libre si están permitidos e os pirotécnicos non, cando tamén "son ao aire libre" e "poden verse de lonxe evitando aglomeracións". O sector solicitou ao Goberno galego que se deixe traballar ás empresas, por desenvolver "unha actividade tradicional arraigada á cultura popular de Galicia desde hai séculos".

Recreación virtual dos Lumes do Apóstolo 2018. AYUNTAMIENTO
Recreación virtual dos Lumes do Apóstolo 2018. AYUNTAMIENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta