A reelección de Eva Solla como líder de Esquerda Unida agranda a fenda entre esta formación e Podemos

Seguirá liderando EU ao imporse á lista que pechaba o pai da ministra Yolanda Díaz. A dirección do partido carga contra a formación morada polo seu "control" da campaña e critica a Gómez-Reino e Díaz.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/07/2021 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

A exdeputada autonómica Eva Solla continuará durante os próximos catro anos á fronte de Esquerda Unida, despois de que a lista que encabezaba se impuxo á outra candidatura en liza no proceso interno, a liderada polo exalcalde de Ferrol Jorge Suárez e que pechaba Suso Díaz, pai da vicepresidenta terceira do Goberno, Yolanda Díaz.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, nunha rolda de prensa na sede do partido en Santiago
Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, nunha rolda de prensa na sede do partido en Santiago | Fonte: Esquerda Unida.

Nunhas votacións celebradas de forma telemática e presenciamentel entre o 30 de xuño e o 4 de xullo que serán referendados na XIII Asemblea Nacional do próximo 10 de xullo, a militancia de EU apoiou de forma maioritaria a proposta política e organizativa da actual dirección fronte ao proxecto alternativo, que apostaba por continuar coa senda da confluencia con outras formacións do espectro da esquerda e do nacionalismo.

Así, a lista de Solla --'Construír a Esquerda'-- levou o 69,71% dos votos polo 26,5% da lista alternativa --'Pola esquerda confluínte'--, na que viaxaban, ademais de Suárez, outras caras do 'municipalismo' como a edil de Compostela Aberta María Rozas e a exconcelleira santiaguesa Noa Morales ou o exdeputado autonómico Juan Fajardo.

Por tanto, Solla continauará á fronte da organización na que actúa como coordinadora xeral desde o ano 2017. Destaca a ausencia en ambas as listas do actual secretario de Organización e portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, unha das referencias a nivel galego da federación nos últimos anos e que desde marzo de 2021 exerce como responsable de Política Municipal de Esquerda Unida a nivel estatal.

FACER "VISIBLE" A ORGANIZACIÓN

Deste xeito, o rumbo elixido pola militancia aposta por "fortalecer" Esquerda Unida co obxectivo de facer "visible" á organización despois dunha etapa na que consideran que os procesos de confluencia e a unión con forzas como Podemos e Anova debilitaron a capacidade de proxección cara ao exterior do traballo da federación.

Todo iso sen renunciar á idea de confluencia con outras organizacións, sempre que se produzan, segundo remarca o documento, no marco dunhas relacións "de equidade" á hora de tomar decisións e da visibilización externa das marcas de unidade popular.

E é que no documento de balance de xestión (aprobado polas bases con case o 70% dos votos), a dirección realiza unha visión crítica dos procesos de unión con outras forzas que tivo a súa última expresión electoral coa coalición Galicia En Común-Anova Mareas o pasado ano 2020.

Nesas eleccións autonómicas, o proxecto encabezado por Antón Gómez-Reino fracasou nas urnas ao non pasar o limiar de votos necesarios para obter representación a pesar de estar impulsada polas forzas que catro anos antes lograran ser segunda forza en Galicia baixo as siglas do partido instrumental En Marea.

Neste sentido, apuntan ao "mal clima" nas relacións entre as organizacións que levou a que, tras a ruptura coa En Marea de Villares, Anova queda descolgada da coalición que conta con dous deputados no Congreso, un deles ocupado pola ministra Yolanda Díaz, excoordinadora xeral de EU pero que rompeu hai xa dous anos co partido e só conserva a súa militancia no Partido Comunista.

As autonómicas de xullo (primeiro convocadas para abril pero aprazadas ao verán pola pandemia) encaráronse con "desgaste" nos cadros políticos e militancia e unhas relacións "moi afectadas" respecto de Podemos e Anova; apunta a análise da dirección de EU, que acusa os seus exsocios de "demorar" as reunións para configurar a candidatura de unidade para as galegas.

Neste sentido, tras lembrar que o adianto electoral foi "o único elemento que propiciou que se aclerasen as reunións", censura a configuración da candidatura para as autonómicas porque "a pesar" de contar co número un por Pontevedra (ocupado pola propia Solla), "a maioría" dos membros da organización quedaron fóra dos postos de saída.

A continuación, sinalan que o acordo para estas eleccións foi valorado de forma "positiva" pola dirección de EU, ademais de polas cuestións económicas que implicaba, polo compromiso do líder de Podemos Galicia e candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, de que abandonaría o seu escano no Congreso tras a cita coas urnas. A saída do de Podemos posibilitaría que o escano pasase a mans dunha membro de EU.

CRÍTICAS A DÍAZ E GÓMEZ-REINO

Con todo, isto nunca chegou a producirse. A pesar de que, ademais do compromiso interno agora desvelado por EU, Gómez-Reino manifestara publicamente que deixaría o seu posto na Cámara baixa para centrarse nas súas tarefas en Galicia, o líder de Podemos Galicia mantívose no Congreso despois das eleccións galegas.

Esquerda Unida tamén carga contra Gómez-Reino pola súa implicación no proxecto común nos meses previos ás eleccións e xa durante unha campaña que, segundo EU, se desenvolveu baixo "un clima de control" por parte de Podemos coa intención de "reducir e centrar" a estratexia electoral "nunha soa persoa".

Así, sosteñen que as previsións, "que xa non eran positivas" antes da suspensión electoral, víronse agravadas "coa ausencia de traballo por parte da candidatura e especialmente do candidato á presidencia, xa que máis aló das declaracións do primeiro mes, o tempo seguinte caracterizouse por unha baixa política comunicativa, unha escasa iniciativa política e a ausencia total de coralidade na visibilización da candidatura".

O resultado das eleccións de xullo é cualificado de "desastroso" por Esquerda Unida porque, ademais de quedar fóra do Parlamento galego, comprometía "seriamente a viabilidade económica da organización" e a súa "visibilidade" como organización política.

Neste punto, a dirección que encabeza Eva Solla apunta as súas críticas cara á vicepresidenta e excoordinadora xeral, Yolanda Díaz, á que afean a súa decisión de abandonar a organización "e o traballo coordinado co grupo de En Común no Congreso non foi posible".

Así as cousas, o proxecto de Solla durante os próximos catro anos pasa por "recuperar" a visibilidade que, din, perdeu durante os últimos tempos a organización de cara a reconfigurar a súa posición no panorama político galego, aínda que mantendo a súa aposta por Unidas Podemos.

"Non cremos nun modelo de confluencia baseado na imposición e no raquitismo político e si nunha proposta baseada no diálogo franco e na representación equitativa e respectuosa. Apostamos desde sempre de forma clara e nítida pola confluencia e para que esta poida ter algún futuro real só poderá producirse se se traballa nun marco de respecto mutuo", remarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta