Detido un cuarto mozo pola malleira mortal a Samuel a quen lle roubou o móbil

A Policía acúsao de homicidio e apropiación indebida. É, como o resto de detidos, coruñés e de entre 20 e 25 anos de idade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2021 | Actualizada ás 10:36

Comparte esta noticia

A Policía Nacional detivo a unha cuarta persoa pola súa relación na malleira mortal que durante a madrugada do pasado sábado, na Coruña, custoulle a vida ao mozo de 24 anos de idade Samuel Luiz.

Trátase dun home de entre 20 e 25 anos de idade, ao cal a Policía acusa de homicidio e apropiación indebida, segundo informou o corpo nas súas redes sociais. A este detido acúsaselle de apropiación indebida porque lle roubou o móbil a Samuel, segundo informaron a Europa Press fontes policiais.

Este cuarto detido tamén é veciño da Coruña e amigo dos outros tres arrestados, que permanecen en Comisaría, á espera de pasar a disposición xudicial. Este último detido tampouco coñecía de antes á vítima, segundo os datos solicitados polos investigadores.

Esta detención súmase á dos outros dous homes e unha muller, coruñeses e tamén na mesma franxa de idade, arrestados como presuntos participantes na malleira que lle custou a vida a Samuel.

Un vehículo da Policía Local facendo unha rolda de vixiancia nocturna
Un vehículo da Policía Local facendo unha rolda de vixiancia nocturna | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

SEN ANTECEDENTES

Nun comunicado, a Delegación do Goberno informa de que esta nova detención foi froito da información obtida nas testificales realizadas durante o pasado mércores pola Policía Nacional. Esta detención súmase á dos outros dous homes e unha muller, coruñeses e tamén na mesma franxa de idade, arrestados o pasado martes como presuntos participantes na malleira que lle custou a vida a Samuel, polo que a Policía acúsaos tamén de homicidio.

A ningunha do catro persoas detidas ata o momento cónstanlle antecedentes. A investigación segue aberta e baixo segredo de sumario por orde do xulgado de instrución número 8 da Coruña. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), "en principio" non está previsto que os detidos pasen este xoves a disposición xudicial.

De todos os xeitos, segundo informa a Delegación do Goberno, a Policía Nacional segue traballando nas probas testificais e no visionado de imaxes, o que podería levar a novas detencións. Así mesmo, indica que "todas as liñas de investigación continúan abertas".

PRONUNCIAMENTO DO DELEGADO DO GOBERNO

Neste comunicado, o delegado do Goberno, José Miñones, destaca "o rigor, profesionalidade e sensibilidade" coa que traballa a Brigada Provincial da Policía Xudicial da Xefatura de Galicia, con sede na Coruña, "co único fin de levar ante a xustiza aos autores deste crime" Ademais, volve apelar "á prudencia e responsabilidade necesaria para lograr o obxectivo prioritario, que non é outro que levar ante a xustiza aos culpables da mortal agresión". Por iso, pide "deixar traballar e que a investigación siga avanzando ata completala".

"É necesario manter a calma nestes momentos de dor e rabia", proclama José Miñones, quen tamén aproveita para reiterar á familia de Samuel Luiz "o agarimo e solidariedade de toda a sociedade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta