Santiago rebélase contra a prohibición do botellón e anuncia que deixará parques abertos

O Concello sostén que conta con instrumentos "suficientes" para loitar contra esta práctica sen ter que pechar moitas das súas icónicas arboredas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2021 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá do Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, adiantou que o goberno local non precintará todos os seus parques e prazas da cidade en horario nocturno por considerar que non é "viable" e sinalou que a vixilancia policial, sumada ao peche dalgunhas zonas como Bonaval, "son suficientes por agora".

Así o manifestou ao ser preguntado pola petición trasladada polo conselleiro de Sandiade, Julio García Comeñasa, na rolda de prensa posterior á reunión do Comité Clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia, na que asegurou que o Executivo galego pechará os espazos nos que habitualmente se celebran botellóns --parques, praias, prazas, etc.-- entre as 0,00 horas e as 6,00 horas.

A este respecto, Muíños afirmou que o Consistorio "non considera viable" acordoar todas as prazas e parques de Santiago. "Compostela é unha das cidades de Europa con maior cantidade de parques no seu centro urbano", sinalou o edil. Cuestionado sobre a viabilidade de que os municipios recollan a responsabilidade de precintar e controlar os espazos públicos, o concelleiro preferiu non valorar a medida da Xunta, e referiuse unicamente ao caso de Santiago de Compostela, da que dixo que, salvo nalgunha excepción, non aplicará a precintación.

Para Muíños, a vixilancia policial, sumada aos peches de parques como Bonaval, que o goberno local xa exercía con anterioridade ao anuncio da Xunta, "son suficientes por agora". Tal e como argumentou o concelleiro, "en Santiago non se rexistraron grandes incidentes relacionados co alcol".

PRESENZA POLICIAL

O responsable de Seguridade Cidadá explicou que, no marco das festas do Apóstolo, aumentarase a presenza policial nas rúas da cidade co obxectivo de evitar o consumo de bebidas alcohólicas, aínda que "o concello aínda non deseñou por completo o dispositivo de actuación". A xente nova foi o exemplo empregado polo edil para detallar "o bo comportamento" dos santiagueses. "A responsabilidade que mostrou a mocidade ata agora foi exemplar", engadiu Muíños, quen pediu a estes que "sigan así".

Alameda de Santiago
Alameda de Santiago | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta