Miñones di que os detidos poderían achegar "novas probas" para "novas detencións"

O avogado dun dos acusados polo crime de Samuel: "O meu cliente é inocente". Os catro detidos chegaron encarrapuchados aos xulgados da Coruña en coches diferentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, dixo este venres que espera que a declaración xudicial doS catro detidos poida achegar "novas probas" ao caso, que conducisen a "novas detencións". "Non se pode descartar que haxa novos detidos ao longo das próximas horas ou días", sinalou o delegado do Goberno. Polo momento, as investigacións apuntan a que ningún doS catro detidos, que non contan con antecedentes penais, coñecía ao mozo falecido.

Miñones confirmou que seguen abertas todas as liñas de investigación con respecto a que motivou o crime. Explicou que "todas as hipóteses seguen abertas para pór a disposición da xuíza", quen se encargará de ditaminar se "houbo algún delito de odio ou non".

Chegada aos xulgados da Coruña dos mozos presuntos autores do asasinato de Samuel
Chegada aos xulgados da Coruña dos mozos presuntos autores do asasinato de Samuel | Fonte: EFE - Cabalar

"Somos conscientes de que existe unha enorme demanda social para obter respostas", recoñeceu o delegado do Goberno en Galicia, pero pediu "prudencia" á poboación mentres non exista unha sentenza xudicial.

"INOCENTE"

José Ramón Sierra, avogado defensor do último detido polo crime de Samuel, afirmou este venres que o seu cliente é "inocente". O defendido por Sierra está investigado por homicidio e por un delito de apropiación indebida por quedar co teléfono do falecido.


"O meu cliente declarou en comisaría porque os inocentes declaran sempre. É inocente", afirmou Sierra, que explicou que o seu defendido acudiu a declarar ante a Policía Nacional "voluntariamente e como testemuña", tras o que foi investigado e, posteriormente, arrestado.

O avogado asegurou que o seu defendido non participou "nin no linchamento nin no que está considerado como homicidio". "Este paso a disposición xudicial paréceme un erro porque é inocente", sinalou o letrado.

"ABANDONA O CASO"

Ao saír dos xulgados, Sierra foi interpelado por un grupo de persoas que afirmaron estar no xulgado "para defender a Samuel" e que lle pediron ao avogado que "abandone o caso", como xa fixo no caso de 'El Chicle' --Sierra foi o primeiro avogado defensor de José Ignacio Abuín, asasino da nova Diana Quer--. "Que a túa conciencia non che permita defender eses asasinos", gritou o grupo, que seguiu repetindo os cualificativo "asasinos" tras abandonar a zona o letrado.

ENTRADA NO XULGADO

Os catro detidos como presuntos autores do crime de Samuel, o mozo coruñés que este sábado perdeu a vida tras unha malleira, pasaron este venres a disposición xudicial. Ao redor das 10 da mañá, os mozos --tres homes e unha muller de entre 20 e 25 anos-- chegaron ao Xulgado de Instrución nº1 da Coruña en dous coches e un furgón.

Nunha primeira quenda entraron no xulgado dous dos acusados, encarrapuchados e con sudadeira negra. Poucos minutos máis tarde, no furgón, o terceiro home e a muller, ambos tamén encarrapuchados.  Está previsto que ao longo do día presten declaración ante a xuíza de garda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Manda carallo

Avogado do diaño. Perdón, presunto diaño.