O Concello de Lugo pide á Xunta "máis de concreción" sobre as medidas contra os botellóns

"Non podemos falar de pechar os parques coma se só a determinación por si mesma xa garantise algún resultado", di Miguel Fernández.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 09/07/2021 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

O portavoz do goberno local de Lugo, Miguel Fernández, reclama á Xunta "un pouco máis de concreción" sobre as directrices establecidas para conter os botellóns, entre elas o peche de determinados espazos públicos.

Un axente da Policía Local informa a un grupo de mozos no parque das Zapatillas (barrio de San Francisco), en Ourense, da posible sanción por facer botellón, a 4 de xullo de 2021
Un axente da Policía Local informa a un grupo de mozos no parque das Zapatillas (barrio de San Francisco), en Ourense, da posible sanción por facer botellón, a 4 de xullo de 2021 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

"Non podemos falar de pechar os parques coma se só a determinación por si mesma xa garantise algún resultado. Porque nin todos os recintos son iguais, nin tampouco moitas veces pola súa dimensión ou características resulta posible, nin tampouco sempre son os parques os lugares escollidos para facelo. É coma se nos pedisen porlle cancelas ao aire", explica Fernández

Segundo o portavoz do goberno de Lara Méndez, un precinto nunha entrada "non impedirá á mocidade nin acceder ao seu interior nin cambiar de localización" para o botellón.

Neste contexto, o tamén concelleiro de Medio Rural e Deportes solicita "un reforzo de efectivos" e "apoio da Policía Autonómica", dado que nos últimos meses a Local tivo que "intensificar as tarefas de vixilancia" respecto diso.

Ademais, o edil recoñece que os mozos "teñen que socializar". Precisamente por iso, reivindica que o Concello está "a traballar para ofrecerlles unha programación de lecer e cultural que sexa alternativa e atractiva para que rexeiten o botellón e fagan outro tipo de actividades".

Non en balde, Fernández lembra a importancia de "conciencialos desde a escola" e "desde casa" para que "socialicen doutra maneira" e así "non dar pasos atrás na loita contra a pandemia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta