Os novos contaxios detectados volven superar os 500 e sobe a presión hospitalaria

A positividade en PCR está no 6,6% e os casos activos sitúanse por riba dos 4.500.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2021 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de covid-19 detectados nun só día en toda Galicia reducíronse ata os 519 nunha xornada na que os casos activos superaron xa os 4.500. Ademais, sobe a presión asistencial nos hospitais galegos, que contabilizan 67 persoas con covid ingresadas, oito máis que hai un día.

En concreto, de acordo cos datos publicados este domingo pola Consellería de Sanidade, actualizados ás 18,00 horas do sábado, a crecida das persoas hospitalizadas produciuse en planta, onde hai 56 pacientes, nove máis. En cambio, nas unidades de coidados intensivos, baixaron ata as 11 --unha menos--.

Por áreas sanitarias, tan só a de Santiago-Barbanza ve reducida a súa cifra global de ingresados: dúas persoas con covid en planta e ningunha na UCI. Mentres tanto, os datos non variaron nin na área de Pontevedra-O Salnés, con 12 hospitalizados, dos que catro están críticos; nin na de Lugo-A Mariña-Monforte, con oito, tres deles en coidados intensivos. Os hospitais da área de Ferrol contan con oito ingresados con coronavirus, os mesmos que 24 horas atrás, pero si cambiou a proporción entre os que están en planta --cinco, un menos-- e os que están na UCI --tres, un máis--.

Pola contra, a presión hospitalaria subiu na área sanitaria da Coruña-Cee, con 22 ingresados (+4), aínda que seguen sen variación os tres que estaban críticos; e na de Ourense-Verín-O Barco, con nove (+2), pero ningún na UCI.

CASOS ACTIVOS EN ASCENSO

Pola súa banda, os casos activos de covid-19 disparáronse de novo ata os 4.561, que son 393 máis que a xornada anterior, ao rexistrarse máis contaxios (519) que novas altas (126) en 24 horas. O día 1 de xullo, os pacientes de coronavirus en Galicia eran 2.083, polo que se duplicaron en apenas 10 días.

O ascenso segue sendo sostido nas sete áreas sanitarias. A que máis creceu nas últimas horas foi a de Ourense-Verín-O Barco, que notifica 97 novos pacientes e sitúa o global en 823. Séguelle a de Vigo, que suma outros 89 casos activos e se consolida como zona con máis enfermos de covid, ata o total de 960.

A da Coruña-Cee conta con 883 casos activos (+62); a de Pontevedra-O Salnés, con 786 (+45); a de Santiago-Barbanza, con 484 (+52); a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 447 (+33); e a de Ferrol, con 178 (+15). Séguenlles a área de Pontevedra-O Salnés, que contabiliza nos datos deste sábado 741 pacientes covid (+78); a da Coruña-Cee, con 821 (+76); a de Santiago-Barbanza, con 432 (+46); a de Ferrol, con 163 casos activos (+22); e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 414 (+19).

OS CONTAXIOS SEGUEN DISPARADOS

Así mesmo, os novos contaxios de covid-19 diminuíron no último día ata os 519, que supoñen 136 menos que os notificados este sábado. Con todo, continúan por encima dos 200 positivos desde o xoves 1 de xullo e do centenar desde o 24 de xuño. De todas estas infeccións detectadas, en toda Galicia confirmáronse 522 positivos a través de Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica).

Por áreas sanitarias, dos 519 novos contaxios, a de Vigo notificou 111, seguida da de Ourense con 110. De terceira está a da Coruña, con 93, e tras esta sitúanse Pontevedra, con 73; Santiago, con 66; Lugo, con 46 e Ferrol, que suma outras 20 infeccións. Así, as infeccións totais desde o inicio da pandemia ascenden a 133.617 en toda Galicia, deles 31.885 na área da Coruña-Cee; 26.373, na de Vigo; 20.695, na de Santiago-Barbanza; 16.782, na de Ourense-Verín-O Barco; 15.334, na de Pontevedra-O Salnés; 13.635, na de Lugo-A Mariña-Monforte; e 8.911, na de Ferrol.

PCR E POSITIVIDADE

Ata a data, Galicia efectuou 2.415.188 PCR. Deste dato dedúcese que se realizaron 6.048 probas no último día, un milleiro menos que a xornada pasada. En canto á taxa de positividade das PCR en Galicia, esta continúa disparada nun 6,6% tras días de paulatino ascenso. Así, segue por encima dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galicia, ata esta semana, non superaba desde o 15 de febreiro.

Un mozo nun dispositivo de cribado masivo para persoas de entre 16 e 35 anos en Expourense, a 10 de xullo de 2021, en Ourense, Galicia (España).  O Servizo Galego de Saúde (Sergas) convoca para a tarde deste sábado un cribado poboacional en Expo. Rosa Veiga - Europa Press
Un mozo nun dispositivo de cribado masivo para persoas de entre 16 e 35 anos en Expourense, a 10 de xullo de 2021, en Ourense, Galicia (España). O Servizo Galego de Saúde (Sergas) convoca para a tarde deste sábado un cribado poboacional en Expo. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta