Instagram, o novo escaparate para moitos artistas galegos

Para a artista Alba Cantalapiedra, que suma case 570 mil seguidores, as redes sociais foron a ferramenta que lle permitiu dedicarse ao que sempre quixo, a ilustración. As redes sociais consolídanse como lugares para a creación e a difusión artística, e proxectos como "Guísimo eu" nacen no abeiro destas.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2021 | Actualizada ás 22:29

Comparte esta noticia

Nos últimos anos as redes sociais consolidáronse como un lugar para a creación e difusión artística, un espazo no que os artistas se poden dar a coñecer e ensinar a súa arte de case calquera rama. Instagram convértese nun escenario que ve día a día nacer máis artistas que conseguen recoñecemento como tal e se dan a coñecer sen ningún tipo de intermediario. A artista @albaricoque ou o proxecto @guisomo eu son exemplos de como a arte pode chegar ao público a través das pantallas

Redes sociais, móbil, móbiles, teléfonos, Internet. JCCM - Arquivo
Redes sociais, móbil, móbiles, teléfonos, Internet. JCCM - Arquivo

No traballo teórico La industria artística en el entorno transmedia de las redes sociales, a autora, de Pilar Irala-Hortal, destaca o papel que adquiriron as redes sociais na industria artística, un novo medio para a produción, exhibición, difusión, distribución e venda. “A rotura das marxes tradicionais na creación, difusión e consumo da arte crea novas fórmulas para o resto da industria artística”, como apunta no seu traballo Irala-Hortal.

Alba Cantalapiedra, máis coñecida en redes como Albaricoque, conseguiu grazas ás redes facer o que sempre quixo dende pequena: dedicarse á que sempre foi a súa actividade favorita. Alba Cantalapiedra é unha valisoletana afincada en Ourense, e aínda que as súas raíces non son galegas, admite que Galicia xa forma parte dela. En Instagram comparte imaxes dos seus debuxos e deseños cos seus case 570 mil seguidores. “É innegable e indudable que para min as redes sociais foron a ferramenta que me permitiron e me deron a vida para que isto fose posible. Non somos conscientes das posibilidades que temos a día de hoxe”, afirma a artista. 

A súa relación coas redes demóstrase incluso na súa obra, pois aos seus 25 anos xa publicou un libro, “Las preguntas que nos unen”, que recollen un proxecto que ela comezou un día de forma casual no seu perfil de Instagram. Aburrida na súa casa, preguntou ideas para debuxar, ao que se foron sucedendo diferentes respostas. “Como é chegar a casa e relaxarte despois dun día duro?”, preguntáronlle, ao que ela debuxou a unha persoa fundíndose cun sofá. A partir desa colaboración entre público e artista, o que ela define como “unha acción accidental en redes”, os representantes literarios de Alba propuxéronlle crear un libro editado por Lunwerg. 

CREACIÓN COLECTIVA

As redes supoñen un lugar para compartir a propia obra, pero tamén conectan persoas, neste caso artistas que as ven como un espazo para a colaboración. A iniciativa Guisomo Eu, idea de 5 estudantes universitarias, nace coa motivación de "crear unha pequena comunidade artística, rexeitando o rimbombante da palabra e acollendo calquera proxecto (sexa ou non profesional)", como recollen no seu manifesto. A colaboración de artistas galegas, que xa suma case un milleiro de seguidores en Instagram, ten como resultado un fanzine en papel cuxo éxito fai posible que xa se estea a preparar unha segunda entrega. 

Detrás do proxecto atópanse Catalina Eirea, Uxía Miranda, Sara Castro, Xiana Fole e Malena Fernández. Unha idea que naceu unha noite nunha cociña e moitos cafés despois, conseguiu reunir a través das redes a case 50 artistas galegas, "xente á que non chegarían se non fose gracias a Instagram", como apunta Malena Fernández. Guisomo Eu reflicte como a creación artística pode xurdir da colaboración e da comunicación a través das ferramentas que nos brinda o s.XIX. Para Malena Fernández "as redes sociais axudan a tomar contacto e a tecer lazos", unha relación que tamén hai que reforzar na vida real, como fan as cinco creadoras a través do fanzine e de diferentes actos. 

“AS REDES SOCIAIS SON UNHA ARMA DE DOBRE FÍO, HAI QUE TER COIDADO CON ELAS”

“Hai que ter coidado cos números, coa cultura do like, independentemente se son 100 mil ou 10 persoas”. Alba Cantalapiedra fala dos perigos que poden supoñor as redes á hora de crear. Que a obra se vexa condicionada pola demanda do público, e con ela a expresión artística, ou a desilusión cando a repercusión non é a esperada, a pesar do esforzo, son algúns dos aspectos cos que cómpre ter coidado á hora de compartir arte nas redes. 

As redes sociais son un terreo líquido difícil de controlar e comprender. Aínda que se ten avanzado no recoñecemento do autor, os artistas que comparten as súas obras nas redes atópanse con problemas como o plaxio no día a día. A obra de Cantalapiera tamén foi plaxiada, sendo o caso que “máis raiba lle deu” o dunha tenda italiana que non só se apropiou da súa idea, senón que utilizou fotografías dos deseños da artista para promocionar o produto que vendían. A isto súmaselle a falta de recoñecemento do traballo do autor.

“Isto só se vai solucionar cando a xente entenda o que vale o teu traballo. O primeiro é que creo que cando as plataformas valoren o traballo da xente que se dedica a isto, porán certos límites. Pero isto radica na educación, en levar a idea de que non roubas nun supermercado a traballos que dan produtos artísticos”, conclúe a artista.

A crise do coronavirus constatou a importancia dalgunhas profesións como as sanitarias. Porén, a cultura tamén foi unha vía de escape que axudou a levar mellor os momentos difíciles e artistas de diferentes ramas non dubidaron en compartir o seu traballo de maneira altruísta a través das redes, e é labor da sociedade saber respectar e valorar a arte nestes medios. Pola súa banda, Alba Cantalapiedra recorda: “As redes poden axudar moito, pero hai que ter coidado con elas, porque moitas veces olvidamos que hai outro mundo fóra, con exposicións, eventos e reunións. Está todo tan concentrado na pantalla que creo que se perdou un pouco todo iso”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Levamos anos asistindo a unha maior e máis sutil LIMITACIÓN dos contidos na Rede ! Semella que algúns entenden a Rede como a extensión do NEGOCIO (Muros de Pago) pero moi poucos a día de hoxe están no activismo dunha Rede Libre para Todos ! Grazas as habilitades informáticas e á previsión dun tal Daniel Cabaleiro o mundo poderá ter acceso de balde ao Concerto de Luz no Obradoiro https://www.youtube.com/channel/UCR... Mentras a Consellería de Cultura emprega a Rede como promoción propia, e non para difundir a cultura entre tódolos cidadáns (?) Seica andamos de Xacobeo ! https://twitter.com/CulturaXunta/st... Pasou o día, pasou a romaría ? Este concerto foi visto en streaming por 1700 persoas, e se quixeran mantelo en aberto na Rede poderían ser millóns nunha semana ! Pero esto sería como arruinar o negocio das Plataformas do Xacobeo !

1 Gamela

Instagram = Usamos cookies para personalizar contenido, mostrar anuncios relevantes y ofrecer una experiencia más segura Segura para eles, que aspiran a controlar o mundo do BigData ! Hai dous días asistín ao concerto de Luz Casal no Obradoiro vía streaming (grazas á xenerosidade da artista!) pero cal foi a miña sorpresa cando tentei volver a ver o concerto subido a YouTube pola Consellereía de Cultura da Xunta de Galicia e comprobei que o vídeo é PRIVADO ! Supoño que Luz Casal ignora esta apropiación indebida do seu xeneroso concerto en aberto por parte da Consellería de Cultura ! Así traballan algúns nas redes sociais... fagocitando a liberdade de expresión a favor dos seus imperios mediáticos ! Se non que llo conten ao alcalde de Vigo que segue impedindo a difusión en aberto dos Plenos mentras monta concertos de PAGO (30 €) cos cartos de tódolos vigueses !